O BNG lamenta o uso partidista que o PP fai da figura de Antonio Palacios
Desde o Bloque denunciamos que o PP do Porriño converteu o acto conmemorativo do 150 aniversario do nacemento do arquitecto e urbanista porriñés nun encontro propagandístico do Partido Popular. A presenza de Alfonso Rueda (Presidente da Xunta de Galicia), Isabel Díaz Ayuso (Presidenta da Comunidade de Madrid) e José Luís Martínez Almeida (Alcalde de Madrid) converteron o encontro nun mitin do Partido Popular no que o de menos era reivindicar o legado de Palacios.
Parécenos unha falta de respecto ao Porriño e á propia figura de Antonio Palacios, que a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, empregue parte da súa intervención no acto para cargar contra o Goberno do Estado, bromear sobre o seu absentismo laboral ou facer valoracións políticas de carácter persoal. O que debera ter sido a festa do conxunto da sociedade porriñesa converteuse, pola falta do máis básico sentido institucional por parte do PP, nun acto político partidista.
Antonio Palacios é patrimonio de todos e todas. Permitindo que o PP trasladase ás rúas do Porriño, nunha data tan sinalada, a crispación propia da política madrileña, Alejandro Lorenzo ensombreceu a efeméride de Palacios para darlles protagonismo a Ayuso e ao discurso centralista, clasista e de odio cara ó diferente que tanto ela como Almeida representan. Querer dividir a sociedade porriñesa entre bos e malos é algo impropio dun alcalde. Lorenzo antepuxo os seus intereses persoais e os dos seus xefes políticos en Madrid aos dos veciños e veciñas do Porriño.