O BNG en contra do Centro de Transportes que Zona Franca proxecta instalar en Torneiros
O grupo municipal do BNG vén de presentar no Concello unha moción para tratar este asunto no Pleno da Corporación Municipal e obrigar así ao resto de grupos políticos a posicionarse. Entendemos que o Concello do Porriño como institución debe rexeitar un proxecto que pode supor un alto custo social e ambiental para a parroquia de Torneiros. Na moción presentada ínstase tamén á Xunta a non aprobar un proxecto que require da súa autorización polo seu carácter supramunicipal.
O BNG mantivo reunións coa propia Zona Franca, así como coa Asociación Veciñal San Salvador, con representantes da veciñanza do polígono residencial de Torneiros, coa Xunta de Montes e con asociacións de transportistas. Os distintos colectivos veciñais e sociais amosaron a súa preocupación, compartida desde a nosa organización, ante a falta de información por parte do Consorcio da Zona Franca de Vigo. O venres 6 de maio ás 19:30h no local da Asociación San Salvador, o Bloque organiza un acto aberto á veciñanza para informar de primeira man das reunións mantidas e explicar a súa posición contraria ao proxecto.
O centro de servizos que Zona Franca pretende construír en Torneiros está pensado como unha grande área de descanso dotada de equipamentos para dar servizo ás persoas profesionais do transporte. As 25 hectáreas anunciadas para a súa construción non teñen parangón na Galiza para unha infraestrutura destas características. Un proxecto opaco e sobredimensionado que non conta a día de hoxe co pertinente estudo de necesidades. O espazo que se pretende ocupar afecta pola súa proximidade tanto a vivendas particulares como ao polígono residencial de Torneiros. Ocuparíanse tamén terreos inundábeis e bosques de ribeira do río Louro, e os seus regos, hábitats de conservación prioritaria para a Unión Europea.
Somos coñecedoras de que a demanda do sector do transporte de contar cun lugar para poder estacionar e descansar na contorna de Vigo é real e necesaria para dignificar a profesión e evitar molestias á veciñanza, mais non nos parece que a alternativa escollida sexa acaída, tanto pola súa ubicación como pola súa dimensión. Entendemos debéranse estudar alternativas que non precisen degradar máis o territorio. Torneiros, unha parroquia afectada tanto pola presenza de industria química e lindano, como polas liñas de alta tensión e vías de comunicación que a atravesan, non pode ser de novo a sacrificada nunha operación destas dimensións. Desde o Bloque defendemos tamén protexer o Louro e o seu ecosistema, altamente afectado polo desenvolvemento industrial descontrolado do pasado mais que ten amosado un poder rexenerativo que o ten que converter, coa protección necesaria por parte das administracións públicas, no pulmón verde que O Porriño precisa.