O BNG denuncia deficiencias na obra executada pola Xunta no Porriño
O BNG do Porriño advirte que as obras desenvolvidas pola Xunta de Galicia nas rúas Progreso e Bos Aires presentan graves deficiencias na accesibilidade e no lousado.
O grupo municipal do BNG no Porriño denuncia deficiencias na obra que tivo un custo próximo ao millón de euros e que foi recentemente executada pola Xunta de Galicia na contorna do Paso a Nivel do Porriño.
A accesibilidade é limitada en tramos das beirarrúas da rúa Progreso. A colocación dalgunhas xardineiras limita a anchura para o libre paso e dificulta o cruce de persoas con necesidades especiais. Ademais, ao non se intervir no tramo da beira pegada á vía do tren, non se elimina o importante desnivel existente entre a zona de tránsito de vehículos e a zona de peóns, mantendo nunha obra nova unha barreira arquitectónica.
A forza nacionalista tamén advirte de que o lousado instalado na rúa Bos Aires está mal colocado. “O empedrado presenta un firme desnivelado e rugoso. Estas características están a xerar moito ruído dos vehículos que circulan por esta zona moi transitada; mais tamén os coches se poden ver afectados na súa mecánica por este brincar constante”, evidencia Pedro Pereira, portavoz da forza nacionalista local. “Entendemos que este tipo de deficiencias non se poden permitir nunha obra que vén de rematar e esiximos, como fixemos na reforma da Praza de Abastos, que se corrixan”, afirma o concelleiro nacionalista.
O BNG considera estas deficiencias inxustificables, pois a execución da obra demorouse moito máis tempo do programado e significou un investimento de 989.481,14€. “Solicitámoslle a Alejandro Lorenzo que exerza de Alcalde do Porriño e non de delegado do PP. Debe reclamar ante a Xunta a corrección destas deficiencias”, recalca o portavoz do BNG.
O BNG defende que, unha vez solucionados os problemas nas rúas Bos Aires e Progreso, a vía debería ser transferida pola administración autonómica ao Concello do Porriño.