O BNG critica as novas limitacións de velocidade nas saídas do Porriño
O Bloque entende que por seren travesías non se debe limitar a velocidade a 30km/h como se fosen vías urbanas.
As saídas do centro do Porriño pola rúa Antonio Palacios cara a Cans e pola rúa Domingo Bueno cara á subestación eléctrica de Unión Fenosa en Atios veñen de ser limitadas a 30km/h. Estas vías foron transferidas desde o Ministerio de Fomento, pero conservan todas as características de travesías porque atravesan e comunican a zona urbana coas parroquias e con outras localidades.
No BNG entendemos que o control de velocidade a 30km/h debe facerse soamente no tramo regulado por semáforos ao seren estradas moi transitadas por peóns. Este treito debe estar limitado por atoparse dentro do casco urbano e ir en sentido cara ós centros de ensino, no caso da rúa Antonio Palacios, e até a Pontenova, no caso de Domingo Bueno.
Desde o Bloque queremos denunciar tamén o afán recadador do Concello do Porriño coa instalación de novos radares. Estes comezaron a funcionar desde o primeiro día en lugar de poñer en marcha unha campaña de concienciación previa para darlle a coñecer os novos límites á veciñanza.