O BNG chama no Porriño a concentrar o voto do cambio na súa candidatura
A dirección local do BNG fai un chamamento a concentrar o voto do cambio na candidatura nacionalista. O voto das xentes de esquerdas, progresistas, ecoloxistas, feministas, soberanistas e galeguistas da Louriña ten que ser decisivo para facer presidenta a Ana Pontón. As persoas que queren cambio no Porriño saben que apostar polo BNG é a maneira de logralo, independentemente da papeleta que colleran noutras ocasións.
Está ao alcance da man e vai depender duns poucos votos. “Ningún voto do cambio pode ficar na casa ou perderse en opcións con reducidas posibilidades de obter representación”, sinalou o responsábel local do Bloque, Marcelo Rodríguez, que destacou as altas expectativas que o Bloque ten postas na localidade “onde xa no 2020 tivemos uns resultados por riba da media do BNG no conxunto do país”.
As claves do cambio galego nas próximas eleccións do 18F pasan por concentrar o voto no BNG, porque somos a única forza con capacidade para derrotar o PP. Nestas eleccións só hai dúas alternativas, un goberno do PP co candidato Rueda, o mesmo que nos deixa unha Galiza máis pequena e un proxecto esgotado, ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada e coas mans libres para poñer en marcha unha Galiza mellor.
Mitin do BNG no Porriño
O BNG organiza un acto público no Porriño o luns 12 de febreiro ás 20h no Centro Cívico. Intervirán Pedro Pereira (portavoz municipal) e as candidatas Cristina Fernández Davila (número 6 por Pontevedra) e Rocío Barreiro Rodríguez (número 14 por Pontevedra).