O BNG acusa a Lorenzo de trato de favor con militantes e persoas próximas ao PP

Facebook Concello do Porriño
Facebook Concello do Porriño

O Bloque denuncia o abuso nas contratacións menores. Estas carretan cantidades inferiores a 15.000€ e non precisan concurso, converténdose nunha carta branca para favorecer determinados grupos. Esta situación agudízase nos numerosos contratos con determinados promotores de orquestras que copan, cada ano, a programación festiva do Concello do Porriño.

O BNG acusa a Lorenzo de trato de favor con militantes e persoas próximas ao PP

“É de sobra coñecido pola veciñanza que no Porriño sempre tocan as mesmas orquestras e que persoas que participan nas listas do PP, ou que mesmo foron concelleiros do grupo popular en anteriores lexislaturas, reciben unha considerable remuneración por parte do concello; como dj´s en eventos e festas”, afirman desde a dirección local do BNG.

O propio Antonio Barros, actual concelleiro do Porriño, tenlle pasado en máis dunha ocasión facturas ao concello, a través do grupo que ten coa súa parella. Informacións aparecidas no medio dixital O Salto sinalan que Barros está a ser beneficiado tamén da contratación a dedo por parte do PP na Xunta da empresa na que toca, propiedade da filla de Juan Pardo, e usando fondos do Xacobeo.

Outro caso de posible trato de favor é a reiterada contratación dun mesmo estudo de arquitectura por parte do concello para a redacción de proxectos. Este é propiedade da filla do tenente de alcalde do PP en Mos, Arturo Grandal. “O Campo da Feira, a humanización anunciada na rúa Pío XII ou a remodelación do Centro Cultural Municipal para acoller un novo auditorio, todo pasa pola mesma arquitecta”, denuncian desde o Bloque.

Urbanismo á carta

Nesa mesma liña de actuación, encontramos que o goberno do PP adapta a normativa urbanística en función dos intereses dalgúns promotores e persoas afíns ó partido. Alejandro Lorenzo anunciou unha modificación do PXOM vixente para legalizar un coñecido edifico na Praza Central, propiedade dun promotor con vínculos familiares directos coa concelleira de Urbanismo, Antía Carrera. “O goberno do PP premia así a un promotor que leva anos negándose a cumprir a legalidade urbanística”.

Outro caso é a compra por parte do concello dun baixo comercial propiedade dun recoñecido simpatizante e apoderado do PP. Este local, sito na intersección das rúas Doantes de Sangue e Fernández Areal, está fóra de ordenación por non cumprir o promotor co proxecto presentado, ao engadirlle un entresollado de forma ilegal. “O goberno soluciónalle o problema ao propietario comprándolle un local para o que non  podería obter licenza de actividade para uso privado e anuncia que o vai empregar como ludoteca de uso público. Todos estes son asuntos moi graves”, afirman desde o BNG.

O BNG acusa a Lorenzo de trato de favor con militantes e persoas próximas ao PP