O BNG acusa o goberno de irresponsable por continuar as obras de saneamento do Contrasto

IMG_20180409_210804

Esiximos a convocatoria dun pleno extraordinario para que o grupo de goberno asuma responsabilidades

O BNG acusa o goberno de irresponsable por continuar as obras de saneamento do Contrasto

O BNG solicita a inmediata convocatoria da comisión de seguimento sobre o lindano dado que, desde a súa creación no mes de novembro a instancias do BNG, unicamente foi convocada en dúas ocasións, a primeira o 4 decembro e a última hai xa case dous meses, o 19 febreiro. Vista a falta de interese do goberno en convocar esta comisión de xeito regular, o pasado venres 6 de abril o BNG reclamou por escrito unha vez máis a súa convocatoria, pois consideramos que é o instrumento máis eficaz á hora de trasladar toda a información e coordinar as accións entre as diferentes administracións. Débese informar sobre o estado da execución dos últimos compromisos adquiridos pola Xunta e o actual goberno do Concello con respecto ao proxecto de descontaminación, a incidencia sobre a saúde e a execución do proxecto de abastecemento de auga á veciñanza, que está a ter unha demora inxustificada.

Dado que non temos noticias sobre a nosa solicitude e en resposta aos acontecementos que tiveron lugar hoxe luns no barrio do Contrasto, o BNG instará unha vez máis, mañá mesmo, ao goberno para reclamar unha convocatoria urxente.

Consideramos un total despropósito por parte do goberno municipal a continuación das obras da rede de saneamento nunha zona que está baixo estudo para delimitación das áreas contaminadas sen estar aínda definido o alcance desa contaminación, obras sobre as cales nos preguntamos se o Concello informou previamente á Consellería de Medio Ambiente para a súa execución e se contaban co correspondente visto e prace. Así mesmo, denunciamos que os propios traballadores que executaban a obra carecían de todo tipo de protección individual apropiada para traballar en contacto co lindano.

No propio lugar das obras, o BNG solicitou á alcaldesa a súa paralización inmediata e a presenza dun técnico de medio ambiente que coordinase as accións a levar a cabo e a correspondente actuación por parte da inspección de traballo, diante da denuncia presentada polo incumprimento das normas de seguridade.

Dada a gravidade dos feitos acaecidos hoxe, onde a alcaldesa visita o lugar nunha  actitude de confrontación en vez de dar explicacións á veciñanza sobre as actuacións emprendidas para resolver no prazo máis breve posible a exposición das veciñas e veciños a esta substancia contaminante, o BNG solicita a inmediata convocatoria dun pleno extraordinario urxente, pois é necesario que se depuren e asuman responsabilidades. No caso de non ser convocado ese pleno, o BNG esixirá mediante a moción correspondente a asunción de responsabilidades do grupo de goberno.

O BNG acusa o goberno de irresponsable por continuar as obras de saneamento do Contrasto