O Bloque Nacionalista Galego do Porriño non considera concluídas as negociacións sobre un posible pacto de goberno co Partido Socialista

O Bloque Nacionalista Galego do Porriño non considera concluídas as negociacións sobre un posible pacto de goberno co Partido Socialista

Ante ás afirmacións de Eva García De La Torre nos medios de comunicación, sobre as negociacións que manteñen abertas o BNG e PSdG para un acordo de goberno, o Bloque Nacionalista Galego reclama de Eva García De La Torre prudencia  sobre o contido e o avance das negociacións.

Unha vez asinado un documento, o pasado día 14 de xuño, sobre propostas programáticas para un acordo de investidura, o BNG, atendendo ao acordado pola súa Asemblea de militantes, abriu un proceso de negociación para un pacto de goberno entre o BNG e PSdG. Nas catro reunións mantidas entre as dúas formacións políticas foise avanzando na configuración dunha nova estrutura de goberno e nun programa de actuacións a levar adiante no mandato 2019 - 2023. Mais as negociacións seguen abertas. Si que avanzamos na delegación de competencias da alcaldía na xunta de Goberno Local e no Pleno e en áreas que asumiría o BNG, mais a día de hoxe aínda non hai un acordo.

O Bloque Nacionalista Galego transmitiulle ao equipo negociador do PSdG que a proposta sobre a cal estamos traballando terá que ser ratificada pola Asemblea Local de militantes do BNG, e esta non terá lugar ate o día tres de xullo.

Mentres non se dean por pechado as negociacións e haxa un acordo de goberno entre o BNG e o PSdG do Porriño, solicitamos de Eva García De La Torre se absteña de calquera manifestación pública sobre os avances das negociacións. No caso contrario daremos por suspendidas as negociacións.

O BNG do Porriño mantén a vontade de que  haxa un pacto de goberno pero este pode darse ou non. Por iso reclamamos cautela Eva García De La Torre e ao PSdG para que non dean por feito un pacto cando aínda non se dan ás condicións para o mesmo.

                                                                                                                            

                                                                                              O Porriño, 28 de xuño de 2019

Asdo.

Consello Local do BNG O Porriño

O Bloque Nacionalista Galego do Porriño non considera concluídas as negociacións sobre un posible pacto de goberno co Partido Socialista