Ana Pontón presenta a Pedro Pereira como o mellor candidato para gobernar O Porriño
A portavoz nacional do BNG visitou O Porriño para presentar a candidatura de Pedro Pereira á alcaldía do Porriño nas eleccións de maio do 2023. “Podemos afirmar con orgullo que os grandes avances do Porriño sempre foron da man do BNG. Temos que seguir progresando. Se Pedro fixo tanto como concelleiro que non será capaz de facer desde a alcaldía”, afirmou Ana Pontón, que destacou do candidato do Bloque “o seu profundo coñecemento da administración local e a súa capacidade de xestión e traballo”, “unha persoa que transformou O Porriño coa súa aposta polas peonalizacións”, declarou a portavoz do Bloque.
“No BNG pensamos O Porriño en grande, coas persoas no centro. Temos proxecto e queremos poñer de novo o Concello ao servizo da xente, das maiorías sociais. Asumo con orgullo esta responsabilidade e agradezo a confianza dos compañeiros e compañeiras”, afirmou Pedro Pereira, quen asegurou que como alcalde defenderá sempre os intereses do Porriño, “por riba de todo e sen ataduras”. O candidato do Bloque debullou as liñas básicas que marcarán o programa da formación soberanista, centrado en “seguir avanzando na recuperación de espazos públicos, tamén nas parroquias, converter o Louro no elemento vertebrador do Porriño, traballar da man do movemento asociativo local e blindar as políticas sociais para garantir dereitos, para que ninguén quede atrás”.
Pereira chamou a pensar no Porriño do futuro con ambición “defendendo ante ADIF un soterramento da vía do tren que non sexa un parche e que permita comunicar o casco urbano co espazo verde do río e con Torneiros, e traballando desde o concello no traslado do matadoiro. Temos ilusión, ganas e equipo. O BNG é unha forza política sólida, rigorosa. A xente sabe que se somos nós quen lideramos un goberno de esquerdas alternativo ao PP sempre vai ser máis transformador. É o momento do BNG e imos a por todas”, concluíu o candidato do Bloque.