A ambulancia de reforzo no Porriño non cumpre a normativa sobre transporte sanitario
Neste mes de xullo implantouse un reforzo de ambulancia no Porriño para operar, cando menos, durante o período estival, dado o volume de asistencias que hai na zona. O vehículo que se habilitou é unha ambulancia A1 que se utiliza para traslados programados de pacientes; conta con un único técnico de transporte sanitario e non están equipadas para a atención en ruta, nin por equipamento, nin por persoal.
Estas ambulancias utilízanse, habitualmente, para transporte individual por altas hospitalarias, traslados de doentes que precisan poñer tratamentos ou ben desprazarse ao hospital de xeito programado e que non o poden facer por outros medios. Temos detectado que o uso que se lle está a dar a esta ambulancia é para transporte urxente, polo que se debería contar cunha ambulancia tipo B, acondicionada para asistencia técnico-sanitaria en ruta: teñen outras dimensións e contan con equipamento específico. O uso axeitado da ambulancia é fundamental para ofrecer unha atención inicial axustada á gravidade da persoa doente, e para iso a ambulancia debe contar co persoal técnico de emerxencias sanitarias e co soporte vital básico para prestar asistencia en ruta.
A ambulancia de reforzo actual está a transportar vítimas de accidentes ou con patoloxías que precisan material de soporte vital básico, en ambulancias sen equipar e co acompañamento do persoal facultativo e de enfermaría do centro de saúde ou PAC, deixando o servizo de urxencias da comarca sen persoal médico. Esta situación non é nova na nosa Área Sanitaria. No 2021 xa fora denunciado pola CIG o uso fraudulento deste tipo de ambulancias nun traslado con resultado do falecemento da persoa por falta de atención.
Dende o BNG, consideramos unha temeridade e unha irresponsabilidade que non se reforce o servizo cunha ambulancia tipo B, como acontece noutros lugares da contorna. Débese ter en conta o volume de traballo que existe na nosa comarca polo seu carácter industrial, cun importante número de accidentes laborais; o paso dunha autovía cunha gran sinistralidade ou a dispersión poboacional das localidades próximas ao Porriño.
Esixirémoslle, dende o BNG, ao Goberno Local que reclame ante a Xunta unha solución ante esta nova discriminación para O Porriño e o seu Centro de Saúde. Desde o Bloque vimos reclamando, a través de distintas mocións, a necesidade de melloras nos servizos sanitarios prestados no noso municipio. En fronte encontrámonos coa pasividade dun alcalde que, en lugar de defender os intereses da cidadanía, escolle facer de delegado do PP no Porriño.