O acondicionamento da “ruta do colesterol” recupera a política de asfalto no Porriño
O BNG informa que se gastan 401.763,52€ en acondicionar un sendeiro no Louro que xa existía para uso recreativo, en lugar de investir en espazos onde realmente se precisan melloras na mobilidade de peóns e ciclistas.
Estamos no mes de agosto e o concello do Porriño non conta con un orzamento aprobado, a pesar de que o PP ten maioría absoluta. O estado de contas actual presentado por Alejandro Lorenzo indica que estamos, por primeira vez en moito tempo, nunha situación de inestabilidade económica. Os fondos de remanente de 9 millóns de euros que existían antes da chegada do PP á alcaldía foron gastados e incrementouse a débeda con tres préstamos. Segundo o BNG, todo este caudal foise malgastando sen ter panificado un proxecto concreto para O Porriño.
“Investir 401.763,52€ en pintar pistas, botar cemento e colocar luminarias ou un borde de pedra é innecesario nun espazo natural, é mais unha mostra do gasto desproporcionado e sen criterio deste goberno”, denuncia Pedro Pereira, portavoz do BNG.
Pola contra, a forza nacionalista pon como exemplo de obras que si mellorarían a mobilidade das persoas as saídas desde o centro da vila cara a Cans e Atios. Estas son vías moi transitadas por peóns e que soportan un importante volume de tráfico e nas que sería prioritario intervir. Ambas as dúas estradas son empregadas para chegar a pé até o centro ou como vías de esparexemento para camiñar. Estes usos requiren beirarrúas máis anchas, arboredo que produza sombra e un carril bici que mellore a seguridade das persoas que empregan este medio para se desprazar.
Dende o BNG consideran que se debería atender a seguridade de viandantes e ciclistas para favorecer os seus desprazamentos cotiás entre parroquias e intervir o mínimo no espazo natural do Louro. Unha mínima intervención nesa contorna natural favorecerá a súa rexeneración, a cal é moi necesaria. No seu lugar, o Concello do Porriño e a Xunta de Galicia prefiren gastar recursos públicos en botar cemento e colocar luminarias a carón do río, nun sendeiro que non soporta tráfico rodado e que xa era empregado para pasear. A forza nacionalista lembra que estarmos ante un novo exemplo da clásica política de asfalto da que tanto gosta o PP.