O voto en contra do PP impide aprobar o fraccionamento sen recargo dos recibos atrasados do ORAL
Nos últimos meses son numerosos os veciños e veciñas do Porriño aos que se lles están a esixir, nun só pago, as taxas de subministro e depuración de auga, ocupación de vía pública e lixo correspondentes a exercicios de anos anteriores. Esta acumulación de recibos está a causar un grave problema para a economía de moitas familias do noso municipio, con dificultades para afrontar o pago das cantidades atrasadas xunto co recibo ordinario do 2013.
A moción presentada polo Bloque no pleno, rexeitada co voto en contra do PP, solicitaba paralizar o cobro das taxas dos anos anteriores ao 2013 e que se ofrecera a posibilidade de fraccionar ou aprazar pagos sen aplicarse ningún recargo. Votando en contra desta iniciativa, Nelson Santos e o grupo do PP volven deixar de manifesto a súa falta de sensibilidade con quen máis está a sufrir os efectos dunha crise económica que está a afectar a tantas familias no Porriño.
Desde o BNG esiximos ao goberno municipal, que ten delegadas as competencias de xestión, cobro e inspección de taxas e impostos no ORAL (organismo de recadación local da Deputación de Pontevedra), que recapacite e poña freo a unha situación inxusta que está castigar á cidadanía por unha deficiente xestión na emisión de recibos por parte da propia administración.