O PP privatiza a recollida e sigue defendendo a incineración como modelo para o tratamento do lixo
O PP negouse apoiar unha moción presentada polo Bloque na que se solicitaba denunciar o decreto da Xunta que modifica o marco das relacións entre os concellos e SOGAMA-Gas Natural-Fenosa. Unha reforma que obriga aos concellos a adherirse a unha norma non negociada, que lles fai asumir máis custos en beneficio das empresas, e que os limita para explorar alternativas á incineración no tratamento do lixo.
O PP demostra a súa total submisión aos intereses das grandes empresas e volve castigar económicamente aos concellos, deducindo dos fondos de Cooperación local que reciben da Xunta as facturas non pagadas polos municipios que se opuxeron á subida da taxa polo tratamento do lixo, que o ano pasado incrementouse nun 34%. O BNG seguirá defendendo os xustos intereses da cidadanía galega, grande prexudicada por esta decisión. Nos concellos que goberna continuará preiteando con SOGAMA para defender o que consideramos xusto e nos que exercemos de oposición demandaremos unha pronunciación do pleno. No Porriño temos un alcalde que prefire non defender a autonomía local nen buscar un sistema de tratamento de residuos máis respectuoso co medio ambiente, afirmou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.
Desde o BNG reclamamos alternativas sostibles para o tratamento do lixo baseadas na compostaxe ou una recollida selectiva. A incineración ten que ser a última das opcións e a Xunta debería colaborar cos concellos na procura doutras alternativas. Censuramos que o Goberno galego só aposte por queimar o lixo a pesar do custe que este sistema provoca no medio ambiente e na saúde das persoas.
Privatización da recollida do lixo no Porriño
A maioría do PP no pleno aprobou tamén no pleno de decembro iniciar o proceso polo que se privatizará completamente a recollida do lixo no Porriño. O BNG denunciou a inexistencia de informes que avalen os beneficios económicos da operación ou as condicións xerais, tanto técnicas con administrativas, polas que se vai adxudicar o novo contrato. O BNG entende que o Concello do Porriño pode prestar directamente o servizo de recollida do lixo facendo que funcione de forma máis eficaz e sostible. Defendemos que os servizos básicos sexan prestados directamente pola administración, sen privatizacións baixo fórmulas pouco transparentes que non garanten unha mellora na prestación do servizo e poden ser foco para irregularidades e amiguismo, concluíu Pedro Pereira.