O PP pretende atribuirse a humanización da rúa A.Palacios colocando unha placa
No ano 2009 o Concello do Porriño acometeu obras de humanización da rúa Ramón González e Antonio Palacios. Con estas obras, levouse a cabo a humanización e mellora da rede de recollida de pluviais e abastecemento de augas, a mellora do alumeado público, así como o soterramento das liñas eléctricas e de telefonía nestas rúas. Pretendeuse potenciar a peonalización do centro urbano do municipio, e dar continuidade á zona peonil xa executada con anterioridade no entorno da Casa do Concello.
Dentro do proxecto de humanización contemplouse deixar ao descuberto as vías do tranvía Vigo Mondariz, que pasaba ao carón da Casa do Concello. Todos os veciños e veciñas do Porriño son testemuñas de que a visualización e as obras que permitiron deixar ao descuberto as vías do tranvía foron executadas no goberno do BNG.
É sorprendente que un goberno que toma posesión en febreiro de 2010, despois da moción de censura contra o Bloque, non teña o mais mínimo reparo en atribuírse a realización da obra de peonalización da rúa Antonio Palacios colocando unha placa onde figura a data de decembro de 2013, dando a entender que foi executada durante o goberno do Partido Popular. Especialmente grave resulta este asunto cando tanto o actual alcalde Nelson Santos, como o Partido Popular no seu conxunto, opuxéronse no seu momento a que se iniciaran as obras de humanización e peonalización que o BNG impulsou no casco urbano do noso municipio.
"O goberno do BNG propuxo e realizou dita obra por a considerar necesaria e porque entraba dentro do que nós entendemos como recuperación de espazos urbanos para goze dos veciños e veciñas. Non propoñemos nin realizamos obras para a colocación de placas, pero consideramos que cando alguén pretende falsear a realidade, como é neste caso, o BNG ten a obriga de denuncialo", declarou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.
O grupo municipal do BNG ven de presentar unha moción na que se solicita do Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:
Primeiro.- Que o goberno municipal proceda a retirada da placa colocada na rúa Antonio Palacios, entre os railes do Tranvía Vigo- Mondariz.
Segundo.- De se considerar necesario a colocación dunha placa que faga referencia ao paso do Tranvía Vigo-Mondariz polo Porriño no tramo onde as vías están ao descuberto despois das obras de humanización do ano 2009, se faga referencia a data real da execución das obras.