O PP prefire xestionar de forma irregular o concello antes que aprobar uns orzamentos municipais
Rematou o ano 2013 e o PP non foi quen de aprobar os presupostos, ferramenta fundamental para o bo funcionamento da política local e unha boa oportunidade para comprometerse desde o concello a combater os efectos dunha crise económica que está a afectar a tantos porriñeses e porriñesas.
En lugar de elaborar unhas novas contas públicas que incrementen e prioricen as partidas destinadas a emprego ou servizos sociais, o PP prefire seguir co orzamento prorrogado e aprobar en pleno gastos non contemplados na contabilidade municipal. Están a aprobar coa súa maioría no pleno, pagos de facturas que non cumpren cos requisitos que marca a lei e contan co informe desfavorábel dos servizos técnicos do concello.
Cando encabezou a moción de censura pola que chegou ao goberno do Porriño, Santos falaba da necesidade de contarmos con un goberno forte, coa maioría necesaria para poder aprobar en solitario as contas públicas. Agora que conta con maioría absoluta na corporación, non ve necesario aprobalas para non ter que someter a súa irregular maneira de xestionar o concello a maior control político. O PP non ve urxente que o Concello do Porriño apoie con medidas efectivas aos colectivos máis afectados pola crise económica. A súa única intención é convocar plenos faltos do máis mínimo contido político para seguir aprobando irregularmente gastos. A falta de proxecto político do PP está a prexudicar a unha cidadanía que non entende que quen goberna se afaste dos problemas da xente.