O Porriño celebrará en decembro un pleno extraordinario convocado polo BNG
O BNG ven de rexistrar a convocatoria dun pleno extraordinario no Porriño para tratar diferentes asuntos de interese para a localidade. A modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o soterramento da liña de alta tensión de Torneiros, a esixencia dunha solución para a situación que vive o departamento de intervención municipal despois da marcha do seu titular, incrementos nas partidas de carácter social e de fomento do emprego ou a inclusión dun plan de investimentos nas parroquias para incorporar nos presupostos municipais do 2015, entre as propostas presentadas polo Bloque. O pleno tense que celebrar antes de finalizar o mes de decembro.
O goberno do PP está esgotado, roto e non ten proxecto para O Porriño. Traballa de forma improvisada, sen coordinación e non existe a planificación necesaria para dirixir o concello. A falta de inicitaivas políticas do PP fai que teñamos que recorrer a convocar unha sesión plenaria de carácter extraordinario na que tratar de buscar solucións a problemas que afectan aos veciños e veciñas e que non está a resolver o goberno local. Levamos dous anos cos presupostos prorrogados. Esiximos ao goberno que presente unha proposta orzamentaria para o exercicio 2015 que contemple incrementos en áreas como benestar social, cultura ou emprego, así como incluir nas contas municipais inversións necesarias para as parroquias.
A modificación do PXOM permanece paralizada cinco anos despois de iniciarse o seu proceso de adaptación á normativa vixente. A Xunta de Galiza remitiu os informes previos necesarios para poder proceder á súa aprobación inicial en marzo do 2013 e desde o concello mantense paralizado o expediente. Os porriñeses e porriñesas temos dereito a participar na elaboración dun instrumento fundamental para deseñar o desenvolvemento do noso municipio e queremos coñecer o modelo de urbanismo e de ordenación do territorio que o PP proxecta para O Porriño.
O goberno local tampouco está a defender proxectos ao noso entender estratéxicos para O Porriño e que son demandados polos veciños e veciñas, como o soterramento da liña de alta tensión de Torneiros. A situación xudicial do alcalde e dos concelleiros involucrados na denominada Operación Multiusos está a prexudicar o funcionamento normal do concello e ocasionou a marcha do interventor municipal. Nelson Santos e o PP parecen máis ocupados en defenderse das acusacións de corrupción e en resolver as liortas internas de poder entre os concelleiros de urbanismo e vías e obras co alcalde que en atender as demandas do vecindario.
Pódese descargar aquí o documento completo da convocatoria: Pleno_Extraordinario_decembro_2014