Pedro Pereira chama a desterrar do Porriño a corruptos e caciques
O candidato do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía do Porriño, Pedro Pereira, fixo un chamamento para que este 24 de maio a veciñanza do Porriño desterre a corruptos e caciques do concello. Pereira recordou durante o mitin central da formación nacionalista na praza do Concello do Porriño que o BNG é a única alternativa real de goberno, capaz de asegurar unha xestión honesta, transparente e igualitaria.
Fronte a unha forma de gobernar corrupta e caciquil, fronte aos que non se preocuparon da vila durante anos e agora se presentan como solución para todo, fronte a oportunistas e modas sen un proxecto para o concello, asegurou en relación ao resto de forzas políticas que concorren os comicios municipais.
O cabeza de lista do BNG manifestou o compromiso da súa candidatura para construír un concello para vivir e desfrutar e co obxectivo de gañar máis espazo para as persoas e abrir a participación á veciñanza, despois de seis anos de falta de iniciativas e de opacidade do PP. Pedro Pereira reivindicou ademais unhas políticas de emprego dignas, que rematen coas actuacións ao marxe da lei pola que está imputado o goberno saínte.
Fronte a unha forma de gobernar corrupta e caciquil, fronte aos que non se preocuparon da vila durante anos e agora se presentan como solución para todo, fronte a oportunistas e modas sen un proxecto para o concello, sinalou Pedro Pereira.
Na mesma liña falou Mónica Bugarín, número cinco da candidatura, que abriu un mitin. A intolerancia, a demagoxia, a falta de respecto institucional, a imposición, o trato desigual cara os veciños e as veciñas, todas son características da forma de traballar do PP no concello. Hai que mudar estas políticas, erradicalas do noso concello, dixo Bugarín.
No acto participou a deputada nacionalista no Parlamento galego Ana Pontón, que chamou a non caer na resignación. O PP roubou durante estes anos dereitos, futuro e dignidade. Mais non poden roubarnos o dereito a soñar e a devolverlle á política o seu verdadeiro significado! O 24 de Maio non chega con quitar ao PP, hai que poñer na alcaldía a persoas como Pedro Pereira e saír destes anos escuros, sinalou Pontón.
A número dous do BNG-Asembleas Abertas, Sabela Landín, pediu tamén un cambio nas políticas sociais, fortalecendo as partidas para axudas de emerxencia social e para dependencia, implantando medidas que corrixan as desigualdades, así como un plan contra os desafiuzamentos.
Marcelo Rodríguez, número catro da lista nacionalista, resaltou a aposta transversal do programa nacionalista por unha xestión respectuosa co medio ambiente. Co obxectivo de dignificalo e que non sexa relacionado interesadamente con políticas de lecer, susceptíbeis de recortes, e se valore na súa importancia social e económica.
En representación da mocidade, interveu Elia Lago, estudante e no posto 15 da candidatura, que esixiu unha educación pública e en galego. Negámonos a ser a seguinte xeración de man de obra barata, a dos traballos precarios, a que alimente a lista de desemprego ou se vexa obrigada a emigrar na procura dunha saída profesional.