O mércores 7 de xaneiro, pleno extraordinario no Porriño
O vindeiro mércores 7 de xaneiro ás 12h celébrase no Porriño un pleno extraordinario solicitado polo BNG. A modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o soterramento da liña de alta tensión de Torneiros, a esixencia dunha solución para a situación que vive o departamento de intervención municipal despois da marcha do seu titular, incrementos nas partidas de carácter social e de fomento do emprego ou a inclusión dun plan de investimentos nas parroquias para incorporar nos presupostos municipais do 2015, entre as propostas que o Bloque somete a aprobación no pleno. Lamentamos que o alcalde decidise convocar o pleno en horario de mañá, dificultando así a asistencia de veciños e veciñas e o labor dos concelleiros e concelleiras da oposición, que teñen que compatibilizar a actividade política coa súa vida laboral.
Levamos dous anos cos presupostos prorrogados. Esiximos ao goberno que presente unha proposta orzamentaria para o exercicio 2015 que contemple incrementos en áreas como benestar social, cultura ou emprego, así como incluír nas contas municipais un plan de inversións para as parroquias.
A modificación do PXOM permanece paralizada cinco anos despois de iniciarse o seu proceso de adaptación á normativa vixente. A Xunta de Galiza remitiu os informes previos necesarios para poder proceder á súa aprobación inicial en marzo do 2013 e desde o concello mantense paralizado o expediente. Os porriñeses e porriñesas temos dereito a participar na elaboración dun instrumento fundamental para deseñar o desenvolvemento do noso municipio e queremos coñecer o modelo de urbanismo e de ordenación do territorio que o PP proxecta para O Porriño.
O goberno local tampouco está a defender proxectos ao noso entender estratéxicos para O Porriño e que son demandados polos veciños e veciñas, como o soterramento da liña de alta tensión de Torneiros.
A situación xudicial do alcalde e dos concelleiros involucrados na denominada Operación Multiusos ocasionou a marcha do interventor municipal, trasladado en comisión de servizo á Deputación de Ourense polas presións que estaba a sufrir por parte de Nelson Santos e do goberno do PP. O relevo producido no departamento está a ocasionar máis gasto ás arcas municipais e un deterioro na calidade do servizo que entendemos non se deben prolongar no tempo.
O goberno do PP está esgotado, roto e non ten proxecto para O Porriño. Traballa de forma improvisada, sen coordinación e non existe a planificación necesaria para dirixir o concello, afirmou o portavoz do BNG, Pedro Pereira. A falta de iniciativas políticas do PP fainos recorrer a convocar unha sesión plenaria de carácter extraordinario na que tratar de buscar solucións a problemas que afectan aos veciños e veciñas e que non está a resolver o goberno local, concluíu Pereira.