Explicación da postura do BNG no pleno organizativo do Concello do Porriño

Explicación da postura do BNG no pleno organizativo do Concello do Porriño

O Bloque votou a favor (xunto con EU e PP) de que quedara sobre a mesa a proposta de retribucións  presentada pola alcaldesa Eva García de la Torre

pedro_sabela

Eva García de la Torre someteu a aprobación do pleno unha proposta de retribucións sen consensuar coa oposición que incluía subidas de salarios para alcaldía e concelleiros/as delegados/as (45.000€ alcaldía e 37.000€ concelleir@s). Un goberno en minoría (PSOE-UDdL) non pode pretender aprobar estas cuestións en solitario, ten que ter vontade negociadora para conformar maiorías plenarias. O voto do BNG na investidura non é un cheque en branco para que a alcaldesa goberne ao seu antollo e sen consensuar cos demais grupos.

Defendemos que as persoas con dedicación exclusiva no concello reciban unha retribución, pero consideramos que as asignacións económicas que contempla a día de hoxe o presuposto municipal (38.000€ alcaldía e 34.000€ concelleir@s) son máis que suficientes para desenvolver dignamente labores de goberno.

A  política é unha actividade voluntaria e as persoas que se presentan para ocupar un cargo público deben ser coñecedoras desta realidade. O BNG non se opón a que se modifiquen as áreas delegadas contempladas no orzamento en vigor para adecualas aos perfís persoais e a estrutura do novo goberno, pero insistimos en que non é o momento de propoñer un incremento de salarios.

Desde o Bloque pedímoslle á alcaldesa que recapacite e que oferte transparencia e consenso para impulsar un cambio real nas formas e no fondo dos asuntos que son levados a pleno. Reclamamos que se traballe desde xa na elaboración dun novo orzamento que contemple máis gasto social e diferentes inversións que consideramos necesarias para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do Porriño. Eva García pode estar segura de que para aprobar políticas de esquerdas en beneficio das maiorías sociais contará sempre coa colaboración do BNG.

Dedicacións dos concelleiros de UDdL

A alcaldesa formalizou as delegacións de Manuel Carrera e Marcelino Coto poucos días despois de celebrarse a sesión de investidura, sen agardar ao pleno de organización. Unha fórmula perfectamente legal pero que confirma a preferencia do PSOE por pechar canto antes un acordo de goberno cos escindidos do PP en lugar de priorizar as negociacións con BNG e EU.  Non se pode afirmar que se está aberta a negociar un goberno de esquerdas cando xa se ten pechado un acordo con UDdL.

Explicación da postura do BNG no pleno organizativo do Concello do Porriño