Constitúese un grupo de traballo da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto no Porriño
Reproducimos nota de prensa da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto no Porriño:
As organizacións políticas locais do BNG, CxG, EU-IU, Nós-UP e PSdG-PSOE; os sindicatos CIG e UGT e a organización xuvenil Briga, vimos de conformar un grupo de traballo da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto no Porriño..Despois de celebrarmos unha primeira reunión constitutiva, estamos a traballar na convocatoria de mobilizacións e actos públicos nos que expresar o noso rexeitamento á reforma da lei do aborto que pretende aprobar o goberno do PP. Desde a plataforma queremos animar ao conxunto da sociedade porriñesa a mostrar a súa oposición a esta innecesaria reforma, que supón un grave retroceso nas liberdades e dereitos das mulleres.
O Goberno Central anunciou un cambio lexislativo en materia de Interrupcións Voluntarias do Embarazo que previsiblemente nos devolverá a un sistema de supostos. Isto abre de novo a posibilidade de que as mulleres se vexan obrigadas a alegar razóns para xustificar a súa decisión baixo a ameaza de condenas xudiciais ou penas de prisión tanto para a nai como para o persoal sanitario que practique abortos non amparados pola lei. Aparece, ademais, unha posible revisión do suposto que recollía as malformacións graves do feto como razón para practicar este tipo de intervencións. A chamada lei de prazos, actualmente vixente e adoptada pola maioría dos estados da nosa contorna, é unha norma xurídica que permite á muller embarazada, dentro dun prazo determinado (14 semanas no caso do estado español), realizar unha interrupción do embarazo dentro do sistema público de saúde, de maneira gratuíta e sen quedar supeditada na súa actuación á opinión ou ditame doutras persoas.
A lei de 2010 que pretende modificar o PP non obriga a abortar, senón que unicamente garante o dereito a decidir. O que tería que facer o Goberno central non é cambiar a normativa, senón fomentar políticas de educación sexual para previr embarazos non desexados e prácticas de risco. Denunciamos a hipocrisía do PP, que nos quere devolver a un tempo onde, as que podían economicamente, viaxaban ao estranxeiro para abortar, e as que non, facíano clandestinamente e sen garantías sanitarias. As leis restritivas inflúen pouco ou nada no número de abortos que se realizan, pero si determinan se estes se levan a cabo en condicións de risco ou non.
As organizacións políticas e sociais que formamos parte da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, defendemos o dereito das mulleres ao seu corpo e esiximos ao goberno que cumpra coa súa responsabilidade de garantir o aborto legal, seguro e accesible. Reclamamos o acceso ao aborto legal, seguro e gratuíto como unha demanda de dereitos humanos, de xustiza social e de saúde pública. As mulleres somos suxeitas de dereitos con plena capacidade para tomar decisións de acordo ás nosas realidades e proxectos de vida, incluíndo a decisión de abortar ou de ser nais, de ter fillos/fillas ou non. As mulleres somos persoas autónomas, responsables, libres e iguais e, como tales, esiximos o dereito a decidir sobre os nosos corpos e vidas.