O BNG rexeita que se elimine o dereito á asistencia sanitaria a quen bote máis de 90 días fóra
O goberno do PP en Madrid eliminou o dereito á atención sanitaria universal para todas as persoas que permanezan fóra do Estado español máis de 90 días nun ano natural, mesmo sexan desempregados/as de longa duración ou teñan esgotado a prestación ou o subsidio por desemprego. Este dereito só fica recoñecido para quen resida no Estado, negándollo as moitas persoas que se trasladan ao estranxeiro por motivos laborais. O mesmo PP que asume os ditados da troika e as nefastas políticas económicas que están a devastar os nosos sectores produtivos e a aniquilar a capacidade de xerarmos emprego en Galiza, deixa agora sen asistencia sanitaria a quen se ve na obriga de procurar emprego no estranxeiro. afirmou a concelleira do Bloque, Aurora Rivas.
Este novo recorte de dereitos afecta especialmente aos miles de mozos e mozas galeg@s que se ven na obriga de emigrar por estaren desempregad@s. A decisión foi adoptada polo goberno do Estado de xeito unilateral e sen contar co goberno da Xunta de Galiza, quen semella aceptar calquera medida imposta desde Madrid sen importarlle o carácter lesivo aos dereitos de galegos e galegas. A moción presentada polo Bloque solicita do Pleno da Corporación Municipal do Porriño rexeitar a eliminación deste dereito básico, e que se inste á Xunta de Galiza a asumir e garantir a atención sanitaria das persoas afectadas conservándolles a tarxeta sanitaria en vigor mentres non se proceda a derrogar esta medida.