O BNG renova o seu grupo municipal e márcase como obxectivo desaloxar ao PP do goberno no 2015

O BNG renova o seu grupo municipal e márcase como obxectivo desaloxar ao PP do goberno no 2015

P1110756

O noso grupo municipal remodélase coa entrada de Pedro Pereira, Juan González e Aurora Rivas no lugar de Mónica Bugarín, Marcos Rodríguez e Laura Iglesias. Pereira volve ao concello asumindo a portavocía dun grupo no que continúan Gustavo Domínguez e Ana Bastos, que asumirán un maior protagonismo nesta nova etapa. Mónica, Marcos e Laura deixan o grupo municipal por motivos persoais e profesionais, despois de telo solicitado persoalmente, e unha vez que a asemblea local da nosa organización política decidiu, nun debate aberto ao conxunto de militantes e simpatizantes, as persoas que as substitúen.

A asemblea local do Bloque quere agradecerlles publicamente a súa dedicación e traballo. Non podemos máis que respectar as razóns que levan e estas persoas a deixar as actas, e temos a certeza de que seguirán defendendo, agora desde fora do concello, o benestar dos veciños e veciñas do Porriño e unha Galiza máis xusta e soberana.

Pedro Pereira, que releva a Mónica Bugarín na portavocía municipal, é actualmente o responsábel portavoz comarcal do BNG na Louriña-Condado-Paradanta. Foi tenente alcalde e responsábel das áreas de urbanismo e vías e obras durante o goberno do BNG no Porriño, desde onde impulsou, entre outras moitas cousas, a peonalización e humanización do casco urbano ou a extensión da rede de saneamento ás parroquias rurais do municipio. Activista veciñal, foi electo concelleiro entre os anos 1997 e 2011. Nas últimas eleccións galegas, tamén foi candidato ao Parlamento Galego pola provincia de Pontevedra.

Aurora Rivas é militante do BNG desde a súa fundación. Persoa sempre comprometida co noso proxecto político, ten formado parte das listas do BNG en diferentes eleccións municipais e asumiu distintas responsabilidades na dirección local da fronte no Porriño.

Juan González foi candidato do BNG á Entidade Local Menor de Chenlo e forma parte do consello local do Bloque na localidade. A súa incorporación confirma a importancia que desde o BNG outorgamos ás parroquias. Participa na Asociación de Veciños de Chenlo e será unha garantía para que as demandas do mundo rural teñan presenza na vida política do Porriño.

O BNG renova o seu grupo municipal e márcase como obxectivo desaloxar ao PP do goberno no 2015