O BNG reclámalle a Carrera e Coto que deixen o goberno

O BNG reclámalle a Carrera e Coto que deixen o goberno

asemblea_aberta_bng1

Son múltiples as ramificacións das investigacións xudiciais que confirman a existencia, de forma xeneralizada e desde que Nelson Santos accedeu á alcaldía coa moción de censura do 2010, de irregularidades por parte do goberno do PP no Porriño. Desde o BNG levamos denunciando publicamente estas irregularidades durante toda a lexislatura,  xa desde a propia campaña electoral das anteriores eleccións municipais. Os concelleiros e concelleiras do goberno que non están a ser investigados pola xustiza negáronse ao longo de todo este tempo a dimitir ou a forzar a marcha dos seus compañeiros imputados, como se lles instou desde o Bloque en diferentes sesións plenarias.

Agora, a dous meses das eleccións, Manuel Carrera anuncia a súa marcha do PP xunto con Marcelino Coto, para aparecer nunha candidatura denominada “Unión Democrática da Louriña”. Pretenden desmarcarse de Santos e facernos esquecer que ambos foron cómplices políticos necesarios da trama corrupta. Non se pode afirmar que se está ao marxe desta forma irregular de xestionar o concello despois de participar durante catro anos en todas e cada unha das decisións aprobadas polo goberno. Por decencia política e sobre todo por respecto aos veciños e veciñas, Carrera e Coto deberían dimitir das súas responsabilidades e deixar o goberno.

Como temos afirmado repetidamente, o BNG non contempla no Porriño entendementos con escindidos do PP. Manuel Carrera e Marcelino Coto seguen formando parte dun goberno investigado por prevaricación, tráfico de influencias, malversación de fondos públicos, fraude ilegal e delito contra o dereito dos traballadores. Que se presenten ás eleccións de maio formando parte dunha lista diferente da do PP non fai mudar esta situación. Non é a primeira vez que intereses personalistas da dereita orixinan a aparición de listas “independentes” no noso municipio que na práctica en nada se diferencian do PP. O Porriño precisa dun cambio real que faga recuperar a confianza da veciñanza na política. A candidatura BNG-Asembleas Abertas quere liderar, desde a esquerda e o nacionalismo, unha alternativa real á dereita para garantir que este cambio se produce.

O BNG reclámalle a Carrera e Coto que deixen o goberno