O BNG reclama a PP e PSOE menos retórica e máis compromiso coas mulleres
O BNG non apoiará o manifesto elaborado polo Concello do Porriño con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Para o Bloque, o manifesto que PP e PSOE veñen de aprobar no pleno, non vai máis alá dunha mera declaración de intencións e non contempla compromiso algún coa loita pola igualdade real entre homes e mulleres. Demandamos que se abandonen discursos retóricos e apostamos por investir recursos públicos a prol da igualdade. Para o Bloque non son tempos de festexar, como defende o manifesto aprobado, son tempos de combater, desde os poderes públicos, a desigualdade e o patriarcado.
Queremos denunciar especialmente a hipocrisía do PP, que no mesmo pleno no que aprobou un manifesto institucional ao noso entender completamente baleiro de contido, votou en contra dunha iniciativa do BNG que reclama da Xunta aprobar un Plan de Emprego Feminino. Este plan ten como obxectivo estabelecer medidas destinadas a incrementar a taxa de emprego feminino, promover a contratación de mulleres nos sectores en que está subrepresentada, reducir o alto grao de precariedade do traballo feminino, atallar as problemáticas específicas das mulleres nos ámbitos produtivos ou atender ás mozas para accederen ao seu primeiro emprego (60.000 mozas galegas tiveron que emigrar desde o inicio da crise).
A crise aumentou a parcialidade e a temporalidade dos contratos, disparando o risco de exclusión social entre as mulleres galegas. A fenda salarial entre homes e mulleres non se reduce. As mulleres teñen que traballar 80 días máis que os homes para percibir o mesmo salario. Perciben o soldo máis baixo no conxunto do Estado español, (-14,38% respecto á media) e tamén gañan menos por hora traballada, cunha diferenza de 2,34 euros respecto aos homes. No Porriño, desde que o PP goberna, medrou o número de mulleres desempregadas. Segundo as últimas cifras oficiais publicadas (xaneiro 2015), 1.374 mulleres permanecen desempregadas no noso municipio (180 máis que en xaneiro 2010).
Desde o BNG non queremos deixar de lamentar o que consideramos un asunto de especial gravidade, os comentarios ofensivos proferidos no pleno polo alcalde e por concelleiros do goberno, que se repetiron en diferentes momentos ao longo da lexislatura, contra concelleiras da oposición. Un goberno local que relega ás mulleres do seu grupo a un papel secundario no reparto de responsabilidades e que reproduce tópicos machistas cando se dirixe ao resto das mulleres da corporación, merece a nosa total desaprobación.
Chamamos aos porriñeses e porriñesas a participar na manifestación nacional que se vai celebrar o 8 de marzo en Santiago de Compostela (12h desde a estación de tren) baixo o lema Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita.