O BNG insta ao PSOE a escoller entre pactar coa dereita ou facilitar un goberno de esquerdas
Todas as alternativas de gobernabilidade no Porriño -salvo o entendemento do PP con UDDL- parecen pasar pola conformación dun goberno en minoría, unha vez que tanto BNG como EU teñen manifestado que non contemplan formar goberno cos independentes escindidos do PP.
O PSOE ten que escoller agora entre gobernar coa dereita ou facilitar un goberno xunto con BNG e EU. Desde o BNG non compartimos que as preferencias do PSOE pasen antes por ceder ante ás presións dos independentes -que vinculan o seu apoio á candidata socialista a entrar no goberno garantíndose salarios e esixindo xestionar determinadas áreas - en lugar de buscar un goberno de esquerdas.
Para o Bloque unha alternativa de progreso para O Porriño no pode pasar por persoas que firmaron a moción de censura orquestrada por Rafael Louzán hai cinco anos e medio e que durante todo este tempo avalaron políticas caciquís, escurantistas, de imposición e de recortes sociais do Sr. Nelson, candidato do PP.
Botamos en falta durante estes días unha oferta programática e de estrutura de goberno por parte do PSOE, que só parece estar interesado en asegurarse a investidura da súa candidata en lugar de facilitar fórmulas que garantan políticas alternativas á dereita e que busquen o ben común.
O BNG mantén aberta a vía da negociación e valorará apoiar un cambio na Alcaldía sempre e cando o PSOE estea disposto a contemplar un goberno de esquerdas que impulse a rexeneración democrática, a transparencia, a participación veciñal e a defensa clara dos servizos públicos, así como melloras sociais e acordos sobre o modelo de vila humanizado que desde o Bloque defendemos para O Porriño.