O BNG fixa como prioridade recuperar a xestión pública dos servizos municipais privatizados polo PP
O BNG mantén o seu compromiso de reverter o modelo privatizador aplicado polo PP no Porriño. A recuperación dos servizos públicos é unha das prioridades do proxecto de goberno nacionalista, que considera a xestión directa como o mellor antídoto contra a corrupción e como unha oportunidade para crear emprego público de calidade.
O Bloque do Porriño realizará un estudo previo para valorar o estado dos contratos e dos servizos afectados, para proceder a unha progresiva remunicipalización que atenda as necesidades máis urxentes da veciñanza. Os servizos serán xestionados a través dunha Empresa Pública de Servizos, plural e sen carácter lucrativo, que permitirá unha mellor fiscalización e aproveitamento dos recursos.
O modelo do PP demostrou falsos os argumentos contra a xestión pública dos servizos municipais. A privatización encareceu durante os últimos anos servizos básicos no Porriño, como a agua e o lixo, e serviu de acubillo para as prácticas clientelares do goberno actual, como constatan as investigacións xudiciais.
Realizará un estudo para remunicipalizar de forma progresiva servizos como a auga e o lixo, que encareceron o seu custo durante o actual goberno
A formación nacionalista traballará a prol da creación de empregos públicos de calidade e baixo criterios de igualdade no proceso de selección, co fin de reforzar o escaso persoal municipal. Imporá ademais cláusulas sociais nas adxudicacións, para rematar coa precaria situación que impoñen ao seu persoal algunhas das empresas concesionarias que traballan hoxe para o concello porriñés.
Outro dos obxectivos é mellorar a atención que recibe a veciñanza cando se dirixen ao Concello mediante un Portelo Cidadá, que simplificará a petición de documentos e orientará na tramitación das xestións.
A remunicipalización forma parte do programa histórico do BNG do Porriño, que mostrou en todo momento a súa firme oposición contra as privatizacións. Por ese motivo, considera imprescindible blindar os servizos básicos para asegurar o benestar e o futuro das e dos porriñeses.