O BNG esixe ao PP compromisos coa igualdade no Día Internacional das Mulleres
O grupo municipal do Bloque defenderá no pleno que o Concello do Porriño asuma, con motivo da celebración, o 8 de marzo, do Día Internacional das Mulleres, compromisos políticos a prol da igualdade, posibilitando as canles e os recursos económicos necesarios para que homes e mulleres teñan as mesmas posibilidades de desenvolvemento.
Non é momento de celebracións rituais e hipócritas, baleiras de contido. As administracións teñen que apostar pola corresponsabilidade real entre homes e mulleres, e comprometer recursos económicos que garantan a universalidade e gratuidade dos servizos públicos necesarios para que podamos conciliar a vida laboral e familiar. afirmou a concelleira do Bloque, Ana Bastos, en relación aos recortes impostos polo PP en educación, sanidade ou dependencia.
Neste 8 de marzo, o BNG do Porriño quere volver expresar o seu rexeitamento á modificación da lei do aborto que está a impulsar o goberno central, un recorte nos dereitos e liberdades das mulleres que desde o Bloque non imos tolerar, sinalou Ana Bastos. A concelleira quixo lembrar a moción presentada polo Bloque e aprobada en sesión plenaria, pola cal o concello se comprometeu a pór en marcha unha campaña institucional rexeitando que se modifique a actual lei do aborto e informando dos recursos cos que contan a día de hoxe as mulleres para interromperen voluntariamente o embarazo. Os acordos plenarios non poden quedar en papel mollado. O Concello do Porriño debe poñer en marcha esta campaña e defender publicamente o dereito ao aborto, concluíu.