O BNG denuncia que a corrupción se estende no Concello do Porriño
A cidadanía do Porriño está farta de ver continuamente ao seu concello inmerso en asuntos de corrupción. Primeiro foron os departamentos de emprego, contratación ou económico e agora é a policía local. Son múltiples as ramificacións das investigacións xudiciais, que confirman a existencia, de forma xeneralizada e desde que Nelson Santos accedeu á alcaldía coa moción de censura do 2010, de irregularidades por parte do goberno do PP. Desde o BNG reafirmámonos na nosa esixencia de dimisión do alcalde, tenente alcalde e concelleiro de emprego, imputados por prevaricación, tráfico de influencias, malversación e fondos públicos, fraude ilegal e delito contra o dereito dos traballadores, afirmou Pedro Pereira.
O PP ten que tomar cartas no asunto, existe un desgoberno total como demostran os constantes cruces de acusacións entre membros do goberno local. Os concelleiros e concelleiras do goberno que non están a ser investigados pola xustiza deben dimitir ou forzar a marcha dos imputados senón queren aparecer como cómplices necesarios da trama corrupta. Non se pode afirmar publicamente que se está ao marxe desta forma de xestionar o concello e despois apoiala politicamente votando a favor de todas e cada unha das decisións que aproba o goberno no pleno.
O BNG obrigará de novo á corporación a posicionarse na sesión plenaria que se vai celebrar o vindeiro 3 de novembro, coa presentación dunha moción na que se busca unha maioría que solicite a Nelson Santos, Jose Manuel Jacobo e Manuel Alejandro Alonso que presenten a súa dimisión. Marcelino Coto e Manuel Carrera teñen de novo oportunidade de escoller entre defender a máis básica ética política ou apoiar ao alcalde e os concelleiros imputados, sinalou o portavoz do Bloque, convidando aos dous concelleiros que teñen feito declaracións públicas contrarias a Santos a mollarse no pleno.
No BNG consideramos que os cargos políticos deben ser coherentes cos seus actos e declaracións públicas polo que solicitaremos no pleno que a corporación inste ao alcalde e aos concelleiros imputados no procedemento 36/2013 a que presenten a súa dimisión. Marcelino Coto e Manuel Carrera deben antepoñer os intereses públicos sobre os intereses persoais e abandonar o grupo de goberno si queren ser coherentes coas súas declaracións públicas, sinalou Pedro Pereira.
Policía local
Respecto ás informacións aparecidas nos medios de comunicación que indican que a policía xudicial ven de intervir diversa documentación das dependencias da policía local do Porriño referente a multas de tráfico e a xestión do departamento que dirixe o tenente de alcalde José Manuel Jacobo, Pereira recordoulle ao alcalde que a policía local non funciona como un ente independente do concello . Recibe ordes directas do alcalde e do concelleiro de seguridade, que son os responsables políticos do departamento. O alcalde non se pode escudar en cuestións internas da policía para non facer o seu traballo. Desde o BNG preguntámonos por que non mandou iniciar unha investigación para esclarecer os feitos, concluíu o portavoz do Bloque, que mostrou a súa sorpresa porque o alcalde non ordenase facilitar o acceso da guardia civil ao despacho do xefe da policía local, que non se encontraba nas dependencias municipais durante o rexistro.