COMUNICADO DO CONSELLO LOCAL DO BNG NO PORRIÑO
VALORACIÓN RESULTADOS ELECCIÓNS MUNICIPAIS 28 DE MAIO 2023
Grazas ás 1.560 persoas que confiastes o domingo no BNG. Incrementamos o noso apoio en 446 votos e alcanzamos 3 actas. Lideraremos, como segunda forza no Pleno, a oposición a Alejandro Lorenzo e actuaremos, como sempre fixemos, con responsabilidade. Non vos imos defraudar!
Queremos agradecer a Cami Moreira e Pedro Pereira o enorme traballo feito tanto no goberno como na oposición nesta lexislatura tan convulsa. Agora entran a formar parte da corporación representando o Bloque Míriam Martínez e Marcelo Rodríguez, que xunto con Pedro continuarán traballando para defender os intereses do Porriño e da súa xente.
Felicitamos publicamente ao PP pola súa clara maioría, pero o BNG non pode estar contento cuns resultados que consolidan a dereita no Porriño coas formas de facer política de sempre. Non fomos quen de recoller na medida do agardado o voto descontento cos comportamentos que facilitaron a súa chegada ao goberno en decembro de 2021. Uns comportamentos irresponsables que tanto mal fixeron para que se visualizase nestas eleccións a alternativa de esquerdas que nós pretendemos liderar.
A asemblea local do Bloque inicia agora un proceso de debate interno coa intención de abrir un novo ciclo no Porriño, incorporando novas persoas, novas ideas, novos liderados, novas formas de traballar que nos permitan ampliar a nosa base social e estar máis en contacto coa sociedade. As portas do BNG están abertas para todas aquelas persoas que nos vos conformades, que queredes que O Porriño avance para ter unha vila e unhas parroquias mellores onde vivir e traballar.