A supresión do paso a nivel a debate no pleno do Porriño
O Bloque busca no pleno un acordo para reclamar a ADIF que soterre a vía do tren ata a entrada do Paseo do Louro
A eliminación do paso a nivel do Porriño é unha demanda histórica da veciñanza coñecida polo Ministerio de Fomento e ADIF. O desenvolvemento urbano do concello do Porriño cara ao oeste vese limitado pola barreira que supón a día de hoxe a vía do tren e o paso a nivel. Na actualidade ADIF vén de contratar un estudo xeotécnico, un estudo de alternativas e proxecto básico e de construción no que se vai definir a obra e, polo de agora, só valora soterrar a vía un tramo de 320 metros lineais, desde a actual estación do Porriño ata superar o paso a nivel. Esta opción impide conectar o centro urbano coa súa maior zona verde ao carón do río Louro.
Unha ampliación do tramo até superar o cruce coa rúa Xogo da Ola permitiría gañar unha gran superficie de uso público sobre a vía soterrada, que comunicaría o entorno do río co centro da vila. ADIF debe planificar unha obra desta importancia atendendo as necesidades do Porriño e non se limitar a eliminar o paso a nivel. Aceptar esta proposta hipotecaría o noso desenvolvemento urbano cunha solución parcial, reclamamos vontade política para investir recursos públicos nunha alternativa máis ambiciosa.
O Bloque propón á corporación municipal demandar que o soterramento da vía do tren para eliminar o paso a nivel permita conectar o casco urbano co Paseo do Louro, e trasladar este acordo plenario tanto ao Ministerio de Fomento como a ADIF.