A rúa Manuel Rodríguez será peonil en San Bieito
A humanización da rúa Manuel Rodríguez no barrio de San Bieito non contempla o paso de vehículos. Así o vén de confirmar o concelleiro de Urbanismo e portavoz do BNG, Pedro Pereira, unha vez aprobado o proxecto con cargo ao Plan Concellos e ao Plan Ágora, da Deputación de Pontevedra.
Pedro Pereira reuniuse días atrás con comerciantes e veciñanza para informar das obras. O concelleiro do BNG comprometeuse con estes colectivos a dar solución ás demandas de espazos para carga e descarga, parada rápida e aparcamento.
Pereira ten iniciado tamén contactos coas persoas propietarias dos terreos de terra onde están a aparcar vehículos na rúa Leandro Diz. A idea é pavimentar e acondicionar esta explanada, hoxe en mal estado, para poder contar na zona cun gran aparcamento gratuíto en superficie.
“Desde o Bloque defendemos que a rúa sexa peonil para gañar espazos para o lecer da veciñanza e axudar a reactivar económica e socialmente os barrios históricos de San Bieito e San Sebastián. O compromiso do BNG coas humanizacións vén de lonxe no Porriño e forma parte fundamental do noso programa de goberno. Iniciamos no seu momento a humanización do centro urbano e agora que temos de novo responsabilidades en Urbanismo as zonas peonís avanzan”, afirmou Pedro Pereira.