O Porriño impulsa actos de Conmemoración e Recuperación da Memoria
Durante o mes de abril a Concellaría de Cultura dirixida pola nacionalista Cami Moreira programa actividades sobre a represión franquista e a
Revolución dos Cravos
Revolución dos Cravos
Os actos comezan o venres coa proxección do filme Capitáns de Abril, de María de Medeiros. A cita é no Centro Cultural Municipal ás 19h. O propio domino 25 de abril, a partir das 12h, repartiranse caraveis e postais conmemorativas na Praza do Arquitecto Antonio Palacios (Praza do Concello). Haberá música ambiental con cancións de José Afonso. “Queremos poñer en valor o que significou a Revolución dos Cravos, na que o levantamento militar e popular derrocou a ditadura en Portugal. Un feito histórico que sempre foi vivido con proximidade e afecto polo pobo galego”, sinalou a concelleira de Cultura, Cami Moreira.
Memoria do 36
A pasada semana tamén se levou a cabo un acto de lembranza da represión franquista. No contexto do 90 aniversario da proclamación da II República e baixo o lema “Non deixemos a memoria soterrada nas foxas”, familiares das vítimas do alzamento do 36 e xente vinculada á memoria do Porriño e da contorna deron lectura a parágrafos dos libros Un cesto de mazás, de Montse Fajardo; Non des a esquecemento, de Luis Bará; e O Porriño 1936, de Xosé Ramón Paz Antón. Contouse coa presenza das propias persoas autoras. Este acto pretende ser o inicio de outros que, dirixidos á recuperación da memoria histórica, está a impulsar a concellaría de Cultura dirixida polo Bloque, como o proxecto de realizar un documento sonoro recollendo a narración das persoas que viviron a dura represión franquista.
“Desde o BNG sempre apoiamos este tipo de iniciativas. A nosa memoria democrática e antifascista querémola construír desde o país e defendendo os valores republicanos hoxe”, afirmou Cami Moreira, que quixo denunciar o anocronismo que supón a propia existencia da monarquía española e unha transición española que non tivo nada de modélica, que foi un pacto de silencio, de esquecemento, de impunidade.
O recoñecemento público aos porriñeses e porriñesas que pagaron coa represión e a morte a súa defensa dos valores democráticos sempre formou parte das nosas propostas. Na nosa anterior etapa no goberno local colaboramos activamente coas organizacións sociais da memoria e coas familias, como na exhumación, identificación e recuperación dos restos dos cinco labregos do Porriño asasinados e enterrados en Areas. Agora de novo con responsabilidades de goberno, seguiremos traballando nese sentido desde a institución local.
Desde o BNG reclamamos que o goberno do Estado asuma o que debera ser o seu papel, que supere as políticas simbólicas e que garanta, como lle esixe a lexislación internacional, o dereito que as vítimas teñen a coñecer a verdade, á xustiza, e a reparación verdadeira. Queremos denunciar os continuos incumprimentos en materia de dereitos humanos por parte dun Estado Español que sigue preso dunha transición que perpetuou o estatus quo e que foi unha fraude en termos de ruptura democrática.