O Pleno apoia manter a colaboración do Concello co certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño
O grupo municipal do BNG ven de presentar unha moción no pleno, que ao aprobarse, busca garantir a continuidade da colaboración municipal co certame literario. Ata o de de agora, a falta de resposta do concelleiro de Cultura ás demandas de continuidade do certame estaba a por en perigo o mesmo.
O Certame de Textos Teatrais “Roberto Vidal Bolaño”, é un premio convocado pola Editorial Galaxia e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ribeira do Louro desde o ano 2018 que publica normalmente a súa convocatoria no mes de xaneiro. Ten como finalidade crear un fondo de textos susceptíbeis de ser representados por mozos e mozas, textos actuais, pensados para o século XXI. No ano 2019 e até o 2021, o Concello do Porriño sumouse a este certame cunha colaboración económica ao premio de 2000 € en metálico, mantendo tamén a Editorial Galaxia como parte do premio a publicación da obra gañadora. O IES Ribeira do Louro ten unha longa traxectoria de traballo co seu alumnado da ESO e Bacharelato na actividade teatral. En horario extra escolar, persoal docente, de forma desinteresada, transmite ao alumnado a paixón polo teatro e pola lingua, coa representación de distintas obras ou escenas teatrais. O grupo de teatro do centro educativo encárgase tamén de levar a cabo a posta en escena da obra gañadora de cada edición do certame.
Saneamentos en Budiño e compra de parcelas no Louro
O Pleno aprobou tamén dúas mocións nas que reclama ao goberno local compromisos económicos para rematar proxectos iniciados polo Bloque desde as áreas de Urbanismo e Infraestruturas. Dous proxectos de saneamento no Picouzo e no tramo entre a Devesa e Vaquería, e tamén concluír coa compra de parcelas que permita ampliar o espazo de uso público na contorna do río Louro.
Praza 8 de Marzo no Porriño
Saíu adiante outra moción do BNG en relación á celebración do 8 de marzo onde se solicita, ademais do apoio institucional ás convocatorias e demandas do feminismo galego auto organizado, o compromiso de facer visíbel o nomeamento da Praza 8 de Marzo (na Avenida de Galicia); conforme ao acordado en sesión plenaria a instancias dunha iniciativa presentada no seu momento polo BNG.