Eva García de la Torre actúa con falta de transparencia na compra dun local comercial para a aula da UNED
A alcaldesa financia a compra dun local con fondos procedentes do patrimonio do solo, fondos comprometidos para proxectos de inversión dos orzamentos de 2018
Desde o BNG consideramos que o procedemento seguido pola alcaldesa, mediante a apertura do expte. 831/ 2019 para a compra por 275.000€ dun local na rúa Fernández López, destinado á apertura dunha aula da UNED, tramitouse de costas ao resto da corporación e carece da motivación necesaria para optar por unha compra directa e non mediante un procedemento aberto, opción máis acaída.
No pleno do Concello celebrado o 31 de maio de 2017 –e non do 2018 como recolle o Decreto asinado pola alcaldesa do día 14 de marzo do 2019– acordouse por maioría solicitar ao Centro Asociado da UNED a sinatura dun convenio para a apertura dun aula da mesma no Porriño. A concelleira de educación manifestaba no pleno que “entendemos que dada a importancia desta decisión, a mesma debe ser avalada polo Pleno da corporación de forma non sexa iniciativa dun partido político singular, senón que todos mostremos o compromiso coa instalación da aula da UNED” .
Preguntámonos desde o BNG: Se para a solicitude da sinatura dun convenio o goberno considera necesaria a participación do resto dos grupos políticos da corporación, por que non a considera para tomar unha decisión importante como a de comprar un local por 275.000€? Por que considera que o local que se compra é o que mellor se adapta e é o máis barato dos dispoñibles no Porriño para esa finalidade, cando non hai informes que así o motiven? Por que razóns non inicia un procedemento aberto e somete a proposta da compra do local ao pleno da corporación, de ser esa a única opción? Porque se poderían valorar outras, como o aluguer ou o acondicionamento de dependencias municipais.
A este comportamento pouco transparente temos que sumar o noso desacordo coa proposta de financiación á que recorre a alcaldesa Eva García de la Torre. Unha vez máis demostra que para ela asinar un compromiso sobre iniciativas recollidas nos orzamentos do 2018 acordadas co BNG é papel mollado. Demostra ser unha alcaldesa sen palabra e pouco de fiar. Foron varios os incumprimentos dos acordos asinados co BNG. E neste caso decide financiar a compra do local con fondos procedentes do patrimonio do solo, produto da venda de parcelas no ano 2018 e 2019, cando estes estaban comprometidos para proxectos de inversión no 2018 que non foron executados. Proxectos como o saneamento en Chenlo, a segunda fase de humanización da rúa Manuel Rodríguez, a capa de rodadura estrada Centeáns-Cavadiña en Pontellas, a compra de terreos para a ampliación da área recreativa en Cans, a compra de terreos para a ampliación do paseo do Louro ou a creación dos vestiarios e arranxo da pista deportiva do pavillón do colexio de Atios, entre outros.
O BNG sempre manifestou o seu apoio a ampliar a oferta formativa no Porriño e a que se poida abrir unha aula da UNED. Mais consideramos que para tomar a mellor decisión é preciso coñecer os termos do convenio entre o Concello e o Centro Asociado da UNED, convenio que a día de hoxe descoñecemos se foi asinado, pois desde o 31 de maio do 2017 o Concello non deu ao resto da corporación ningunha información ao respecto. Por todo isto solicitamos a paralización do expediente de compra e que sexa sometido ao seguinte pleno ordinario ou, se se considera necesario, que convoque un pleno extraordinario.