EU-SON e PSOE entregan a alcaldía do Porriño ao PP
A dirección local do BNG responsabiliza a EU-SON e PSOE da entregar a alcaldía ao PP. Durante todo este proceso botamos en falta un debate sobre propostas e ideas. En cambio, asistimos a negociacións nas que priorizaron sempre persoas e cargos diante de iniciativas e proxectos para mellorar a vida do concello. E así, O Porriño vólvese ver prexudicado por enfrontamentos persoais que impiden chegar a acordos en beneficio da cidadanía.
A estratexia de bloqueo que EU-SON compartiu co PP nos plenos culminou coa negociación dunha moción de censura que fixo dimitir a Eva García e que serviu finalmente para entregarlle o bastón de mando a Alejandro Lorenzo. A irresponsabilidade do PSOE ao non negociar unha persoa candidata de consenso para a nova investidura, en lugar de fortalecer unha alternativa de goberno ao PP, regaloulle, grazas á abstención de Manuel Carrera, a alcaldía.
Alejandro Lorenzo non é un recén chegado á política. Participou na moción de censura contra o BNG no 2010 e estivo a cargo no Concello de áreas tan sensibles como a de Emprego, onde desenvolveu unha política clientelar que non respectou a igualdade de oportunidades. A súa reivindicación do legado de Barros e Nelson Santos no día da investidura deixan ben ás claras o continuismo que representa dentro da dereita porriñesa.
No BNG temos claro O Porriño que queremos e sempre que temos responsabilidades de goberno avanzamos cara a unha vila pensada para o benestar das persoas, con mellores servizos, peonil, máis verde. A entrada do PP vai frear estes avances. Desde hoxe traballaremos para retomar no 2023 o noso proxecto transformador. Polo BNG pasa calquera alternativa de goberno ao PP no Porriño. Un Bloque máis forte será garante dun goberno de esquerdas que defenda o interese xeral da veciñanza.