O deputado Luís Bará reúnese este xoves no Porriño co comité de empresa de Maderas Iglesias
Ante á falta de resposta do goberno galego fronte a crítica situación da empresa, O BNG levará unha vez máis ao Parlamento galego a agónica situación de Maderas Iglesias e pide á Xunta garantir o emprego
O colectivo de traballadoras e traballadores de Maderas Iglesias leva anos tentando salvar á empresa dunha “situación crítica” derivada dunha nefasta xestión empresarial. Esta situación ten como principais vítimas o cadro de persoal formado nestes momentos por 140 persoas, maioritariamente mulleres. Ademais, o impacto negativo da crise da empresa ten repercusión nunha grande parte do sur da provincia de Pontevedra, pola procedencia do persoal de concellos diversos como As Neves, Salvaterra, O Porriño, Mos e concellos do Val Miñor e do Baixo Miño.
O Grupo parlamentar do BNG presentou estes días unha Proposición non de lei para o seu debate no Parlamento Galego, na que reclama a colaboración do Goberno nas actuacións dirixidas a garantir a continuidade da empresa e dos postos de traballo, así como que o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Industria reciba ao comité de empresa no prazo de tempo máis breve posible e a creación dunha mesa de negociación coa propiedade e co comité para estudar a viabilidade da continuidade da empresa.
Nesta mesma liña, este xoves o deputado do BNG Luís Bará reunirase co comité de empresa de Maderas Iglesias para poder analizar a situación actual.
O goberno galego non pode permanecer impasible diante desta grave situación que pon en risco moitos postos de traballo do sector industrial e dun ámbito fundamental para a economía galega.