Defender o territorio da man do movemento asociativo local

Acto publico O territorio: monte e auga
Acto publico O territorio: monte e auga

 

O BNG mantivo un encontro con representantes das distintas xuntas de montes e traídas de augas, e incorporará ao seu programa de goberno para O Porriño achegas do colectivo de comuneiros e comuneiras.

Defender o territorio da man do movemento asociativo local

As comunidades de montes e de augas cumpren unha función social fundamental que debemos pór en valor. Desde o BNG queremos recoñecer publicamente o traballo que realizan e o seu compromiso e dedicación de xeito altruísta para coa veciñanza. “Alí onde muitas veces a administración non chega ou vai con retraso, está o pobo autoorganizándose para garantir a prestación de servizos básicos e coidar do territorio”, sinalou o candidato do Bloque, Pedro Pereira.

Sempre tivemos claro que o Concello, como administración máis próxima, debería colaborar coas redes de abastecemento de augas de titularidade veciñal para garantir que nas parroquias haxa un servizo de calidade. Foi con Pedro Pereira á fronte desta área, no ano 2020, cando se convocou por primeira vez desde o Concello do Porriño unha subvención para as comunidades de augas parroquiais, cumprindo co compromiso electoral do BNG e coa demanda veciñal. Agora querémola ampliar para que recolla máis necesidades que teñen as traídas. “O BNG traballará desde o goberno para que, ademais da subvención para gasto corrente e de mantemento, se incorpore outra liña para investimentos en novas redes de abastecemento. Os gastos que teñen que afrontar as asociacións superan a súa capacidade económica e para poder manter un bo servizo precisan da colaboración do Concello”, declarou o candidato nacionalista.

As comunidades de montes xestionan boa parte do noso territorio. “O BNG defendeu sempre, en contraposición a PP e PSOE, que a propiedade do monte veciñal é das parroquias”, destacou Pedro Pereira. Un goberno liderado polo Bloque buscará dialogar coas comunidades para ordenar e regular os usos do monte. Respectando a propiedade veciñal do monte comunal e a súa autoxestión, queremos potenciar desde o Concello unha política de montes multifuncional. A tradicional explotación forestal pódese complementar con outros usos sen esquecer a propia función social, recreativa e medioambiental do monte. Defendemos apostar por novos aproveitamentos como a explotación gandeira ecolóxica, a biomasa, repoboar con variedades autóctonas de maior valor engadido ou producir cogomelos e froitos do bosque.

O BNG recollerá no seu programa de goberno achegas feitas polos comuneiros e comuneiras: a creación dunha rede municipal de voluntariado ambiental para a vixilancia do monte en época de incendios, incrementar o control sobre os vertidos en ríos e regatos, abrir novos sendeiros nas parroquias ou sinalizar o noso patrimonio natural. “O Concello debe achegar tamén recursos para a conservación e mantemento das distintas áreas recreativas, propiedade das comunidades de montes pero de uso público para o conxunto da veciñanza”, concluíu Pedro Pereira.

 

Defender o territorio da man do movemento asociativo local