A creación da Casa da Xuventude: unha proposta valente do BNG para a mocidade porriñesa

Casa da Xuventude

O Bloque Nacionalista Galego considera necesario crear un espazo para a mocidade porriñesa que sirva como punto de encontro para a creación de distintas actividades culturais e artísticas

A creación da Casa da Xuventude: unha proposta valente do BNG para a mocidade porriñesa

Na tarde do xoves, o candidato nacionalista, Pedro Pereira, xunto con varios mozos e mozas, quixeron mostrar e demostrar que a creación da Casa da Xuventude do Porriño pode ser unha realidade, “soamente se precisa un proxecto e ideas claras do que queremos para os nosos mozos e mozas, e no BNG témolo claro: trátase de executar un convenio urbanístico que o Concello xa ten asinado”, manifestou o candidato nacionalista durante a exposición do que podería ser un soño feito realidade se o vindeiro 26 de maio o Bloque Nacionalista Galego goberna no concello do Porriño.

Os nacionalistas presentaron na tarde de onte cómo un espazo abandonado cun edificio derruído e en ruínas se pode converter nun espazo de ocio, de creatividade para a mocidade porriñesa, espazos que na actualidade no concello non existen e que sería preciso crear. Son moitos mozos e mozas que queren demostrar as súas inquedanzas nas distintas disciplinas artísticas (música, teatro, pintura,…)  e non contan cun lugar axeitado para facelo. Mais tamén un espazo onde se instale un centro Quérote desde onde atender a mocidade en cuestións afectivo-sexuais.

Neste espazo, situado na parroquia de Atios pero moi preto do casco urbano, tamén habería lugar para albergar unha futura Escola de Artes e Oficios, proposta que o BNG leva no seu programa electoral.

Outra das propostas é fomentar a creación dun tecido asociativo xuvenil no municipio, coa participación ou colaboración do tecido asociativo cultural xa creado nas asociacións veciñais e parroquias, e qué mellor lugar para que este poida xerminar que a Casa da Xuventude, a casa de todos os mozos e mozas do Porriño.

Unha Casa da Xuventude para fomentar o encontro, a autoorganización e a independencia artística, porque para o BNG  a mocidade ten que ser a protagonista do futuro do Porriño.

 

A creación da Casa da Xuventude: unha proposta valente do BNG para a mocidade porriñesa