O Concello do Porriño denunciado por infracción ambiental estatal e autonómica na conca do río Louro
Verdegaia denunciou o Concello do Porriño ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia por volver colaborar na contaminación con plásticos da contorna do río Louro.
Este colectivo comunicou que renuncia a seguir traballando co goberno de Alejandro Lorenzo.
O BNG do Porriño sitúa esta denuncia en liña coas diferentes iniciativas que esta forza ten levado ó pleno local para tentar corrixir a ausente política ambiental do actual goberno porriñés.
O BNG do Porriño informa que leva un ano denunciando a política ambiental do PP de Alejandro Lorenzo. O BNG presentou no Pleno do Porriño hai un ano a figura de protección do ENIL (Espazo Natural de Interese Local) para o río Louro e os seus afluentes Fonteliño e Laxes, ao seu paso polo Porriño, a cal foi aprobada por unanimidade. “Esta é única ferramenta que pode protexer o noso río e afluentes no casco urbano agora e no futuro. Ademais, permitiría manter os seus ecosistemas e o desfrute das persoas do río”, comenta o concelleiro do Bloque, Marcelo Rodríguez.
“Desde esa aprobación, o PP non levou a cabo nin o proxecto, nin as zonificacións, nin os usos, nin as franxas de protección do río e regatos do ENIL. Dedícanse a tirar fotografías dos concelleiros do PP posando no río. O seu é a publicidade” denuncia o concelleiro do Bloque.
E agora acaba de ser denunciado pola Asociación Ecoloxista Verdegaia por vulnerar repetidamente a Lei de Patrimonio Natural de Galicia ante Consellaría de Medio Ambiente. Así mesmo, a asociación rompe calquera relación co Concello do Porriño. Alén da contaminación da contorna do río durante os macroconcertos que alí organiza, o goberno do PP fai cortas continuadas sen seguir os protocolos e sen permiso da Xunta, nas beiras do río Fonteliño, dunha das especies invasoras máis agresivas do planeta segundo a UICN (órgano da ONU e máxima autoridade mundial no medio natural), a Fallopia japonica. A Xunta busca erradicala, pero unha corta sen control está a provocar que os restos vaian parar ás Gándaras de Budiño e ao río Miño, onde agora están arraigando e causando graves problemas ambientais nos dous ríos.
Ademais, o BNG vén de denunciar publicamente ante o Concello do Porriño os continuos vertidos sobre o río Fonteliño da empresa de Ponteareas Prebetong Áridos, que leva anos contaminando e colmatando o río con áridos e tóxicos da grava. O seu leito aparece moitos días cunha cor branca. A resposta do PP de Alejandro é o silencio. “Estas son algunhas das moitas mostras dun goberno do PP inoperante e paralizado ante unha política ambiental seria que precisa o Concello do Porriño”, recalca Marcelo Rodríguez.