A Concellería de Infraestruturas e Urbanismo convoca un ano máis subvencións ás traídas de augas do Porriño

A Concellería de Infraestruturas e Urbanismo convoca un ano máis subvencións ás traídas de augas do Porriño

Por segundo ano consecutivo, a Concellería de Infraestruturas e Urbanismo, dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, anuncia as bases e convocatoria para a concesión de subvencións municipais ás comunidades de augas de consumo para o control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante o presente ano 2021.

O BNG mantén a súa premisa de que os Concellos deben establecer nos seus orzamentos partidas para colaborar coas redes de titularidade veciñal así como coordinar e colaborar para que nas parroquias haxa un servizo de calidade no subministro de auga.

Así pois, a convocatoria ten por obxecto apoiar e promover a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.

Igual que na pasada convocatoria, para estas axudas estableceuse un importe máximo de 95.000 euros cun límite de máximo de 8.000 euros por asociación.

Na convocatoria de 2020 repartíronse un total 59.976 euros que acadaron dez comunidades solicitantes.

 

A Concellería de Infraestruturas e Urbanismo convoca un ano máis subvencións ás traídas de augas do Porriño