Comunicado do BNG do Porriño en relación á contratación do ciclo “Marzo de sábados teatrais”
A contratación de Xerpo para a xestión desta actividade teatral é transparente e cumpre estritamente coa lexislación vixente en materia de contratos. Desde o BNG defendemos que se apoien as iniciativas locais de ámbito privado que promovan e fomenten a cultura; a aposta pola cultura de proximidade forma parte do noso programa electoral e facémola efectiva cando temos responsabilidades de goberno.
A empresa contratada é un referente nas artes escénicas e vén traballando normalmente co Concello do Porriño, e con outros da contorna, desde o ano 2006 con gobernos de distintas cores políticas. Conta cunha longa traxectoria no sector cultural e a oferta innovadora de calidade é recoñecida tanto nas colaboracións coa administración pública como no espazo que xestionaron durante seis anos no Porriño, a sala Ingrávida.
As declaracións do noso portavoz municipal citadas por EU-SON e PP están sacadas de contexto e nada teñen a ver coa organización destas xornadas teatrais. A entrevista a Pedro Pereira prodúcese en novembro do 2020 e a pregunta concreta ten relación cun expediente de compra de material cultural a Xerpo despois do peche da sala Ingrávida.
"Esa operación tería sido unha boa oportunidade para que o concello puidera adquirir material a baixo custo pero o BNG, a pesar de ser perfectamente legal, decidiu rexeitala ao entender que podería levantar suspicacias pola relación de parentesco da concelleira coa empresa", afirma Pedro Pereira. Finalmente o expediente paralizouse e non se chegou a executar a compra.
Desde o BNG lamentamos que tanto EU-SON como PP vaian da man e pretendan sacar réditos políticos da forma máis oportunista e sen lle preocupar danar a imaxe dunha empresa local que ten acumulada unha importante bagaxe no ámbito do teatro e das artes escénicas. Nun contexto de pandemia no que o mundo da cultura está a sufrir especialmente os efectos da crise, o Bloque defende que o papel da política, especialmente no ámbito local, debe ser o de axudar ao sector e non prexudicalo.
Por último a Asemblea Local do Bloque no Porriño quere trasladarlle todo o seu apoio e respaldo á compañeira Cami Moreira. Animámola a seguir cun traballo que desde a concellaría que dirixe está a mudar para mellor a programación cultural municipal.