O BNG solicita rematar a compra de parcelas no Louro
O grupo municipal do BNG vén de rexistrar unha moción solicitando ao goberno municipal comprar as parcelas pendentes de adquirir polo Concello no entorno do Río Louro. A concellaría de Urbanismo e Patrimonio dirixida entón polo Bloque, iniciou no 2021 un expediente para a adquisición de terreos que comprendían un ámbito de 20,285m2 e afectaban a 17 fincas particulares. Esta compra foi financiada con cargo ao Patrimonio Municipal do Solo, procedente da venda dunha parcela de uso industrial propiedade do concello no PPI-7 de Budiño.
Na actualidade quedan pendentes por adquirir 6 parcelas que suman 4.872 m2. Desde o BNG reclamamos ao goberno local finalizar o expediente e completar a totalidade do terreo proxectado para uso público, de ser necesario mesmo iniciando o correspondente expediente de expropiación. “Temos que apostar por abrir o río para as persoas. No Bloque pensamos que a contorna do Louro ten que ser a gran zona verde e de lecer do centro urbano do Porriño. O goberno local ten que rematar o expediente iniciado e adquirir no futuro máis terreos na zona como primeiro paso necesario para transformar este entorno” afirmou o portavoz do BNG e anterior concelleiro de Urbanismo, Pedro Pereira.