O BNG solicita a comparecencia do concelleiro Abel Estévez polo uso de datos protexidos na entrega de alimentos
O BNG solicita que compareza ante o pleno o concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, para dar as explicacións oportunas sobre o funcionamento do Programa Municipal de Alimentos do Concello do Porriño. O goberno do PP negouse a convocar a Comisión Informativa de Servizos Sociais, Terceira Idade, Inmigración e Igualdade que o Bloque lle requiriu. Buscábase que informaran sobre o procedemento empregado á hora de ofrecerlles axuda alimentaria ás persoas e familias con dificultades económicas. Ante a insistencia do grupo nacionalista sobre a forma de xestionar o Banco de Alimentos, o concelleiro delegado de Servizo Sociais contestoulle ao BNG que se encarga el, persoalmente, da entrega de alimentos a persoas en situación de dificultade social.
O programa municipal de alimentos vai dirixido a persoas e familias cuxos datos están considerados de especial protección; por conseguinte, teñen dereito a ser tratados de forma confidencial e usados, exclusivamente, para a finalidade coa que son recollidos. É dicir, deben ser empregados, neste caso, para a concesión dunha axuda alimentaria. Non é xustificado que un concelleiro contacte coas persoas beneficiarias que cumpren os requisitos e sexa el mesmo quen se encargue da entrega dos paquetes de alimentos. Non é parte das súas funcións como representante público nin garante a confidencialidade das persoas usuarias que non teñen porqué recibir os alimentos da man do concelleiro. Desde o BNG, consideramos indigno que, desde a administración local, se cubra unha necesidade básica, como é a alimentación, estigmatizando a poboación necesitada e confundindo os dereitos sociais con asistencialismo.
A traballadora social e concelleira do BNG, Míriam Martínez, denunciou que “O PP, con esta práctica, está a degradar a imaxe dos Servizos Sociais recuperando o concepto de caridade. Esta situación agrávase cando o responsable político encargado de estudar un modelo xusto e digno para dar cobertura ás necesidades alimentarias da veciñanza participa en primeira persoa deste sistema, confundindo dereitos con favores. É preciso erradicar a intromisión política na prestación de servizos públicos e protexer as persoas vulnerables”. Martínez lembrou tamén o xantar gratuíto para persoas maiores de 60 anos organizado polo Concello no entroido, en plena campaña electoral. “Outro exemplo da falta de ética á hora de entender a xestión pública por parte do PP no Porriño”.