O BNG responsabiliza a PSOE e EU-Son de abrir a porta da alcaldía ao PP
A Dirección Local do BNG do Porriño considera responsables a PSOE e EU-Son da falta de acordo nunha investidura que pode permitir a entrada do PP
A situación de emerxencia alegada por EU-Son para negociar unha moción de censura co PP, e a estratexia de bloqueo que compartían no pleno, só serviu para que a anterior alcaldesa dimitira. Neste sentido o BNG lamenta que nin o PSOE nin EU-Son tiveran estado á altura das circunstancias. O PSOE por non promover as negociacións, na procura dunha persoa candidata de consenso; e EU-SON por ter creado esta situación e priorizar persoas e cargos diante de iniciativas e proxectos para mellorar a vida do concello.
Os proxectos importantes que ten en marcha o BNG buscan un Porriño máis humano, máis verde e con mellores servizos. Este modelo de vila que o Bloque impulsa pódese ver paralizado de entrar o PP no goberno. A Dirección Local do BNG considera que este tempo de negociacións tiña que ter servido para fortalecer un goberno alternativo ao PP e non para facilitarlle a alcaldía. Desde o BNG facemos unha chamada para acordar a investidura: “Estamos a tempo de remontar esta situación e non hipotecar o futuro do Porriño se temos vontade de entendemento”, declara o Portavoz, Pedro Pereira.