O BNG reclama unha xestión directa do aparcamento subterráneo da Avenida de Galicia
O proceso de licitación do aparcamento subterráneo da Avenida de Galicia quedou deserto. O BNG ve nesta situación unha oportunidade para que o Concello do Porriño asuma directamente a xestión da instalación. “No próximo Pleno vaise tratar a licitación do aparcamento subterráneo, que quedou deserta. No BNG defendemos que é o momento de rescatar a concesión e optar por unha xestión pública directa do servizo”, afirmou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.
A política de alugueiro de terreos privados para aparcamentos do goberno de Alejandro Lorenzo está a afogar o propio aparcamento municipal, como demostra que ningunha empresa se queira facer cargo da concesión. Un xestión directa por parte do concello, con prezos competitivos para poder aparcar no centro do Porriño cun custo simbólico, complementaría estes aparcamentos disuasorios recentemente creados e redundaría positivamente nas arcas municipais.
“O alugueiro de propiedades privadas para crear aparcamentos ten uns custos para as arcas do noso concello”, advirte Pereira. “Non estamos ante unhas instalacións gratuítas para a cidadanía como pretende dársenos a entender; unha parte do presuposto do concello, dos cartos de todos e todas, utilízanse para este fin. Non ten lóxica que non se aproveite mellor un aparcamento que xa é de propiedade municipal e, pola contra, se potencie o gasto público en alugueiros de espazos privados”, sinalou o portavoz do BNG.
Pedro Pereira cuestionou tamén o investimento de fondos públicos por parte do Concello do Porriño en fincas privadas, que non son de titularidade municipal, como no caso da área de autocaravanas instalada na rúa Leandro Diz. “Estanse a sufragar investimentos e servizos en espazos que non son de titularidade municipal. Non se poden dirixir fondos públicos para mellorar fincas privadas”, concluíu.