O BNG reclama “tender pontes” para garantir un goberno de esquerdas
Instamos a PSOE e EU-SON a rebaixar o grado de crispación no que teñen instalada a política municipal. O Porriño non se pode ver prexudicado por enfrontamentos enquistados que están a impedir chegar a acordos e aprobar iniciativas en beneficio da cidadanía. Botamos en falta un debate sobre propostas e ideas, e pedimos abandonar debates estériles que non achegan solucións e que só reflicten falta de proxecto político.
No BNG temos claro O Porriño que queremos e sempre que temos responsabilidades de goberno avanzamos nunha vila máis peonil, con mellores servizos, fortalecendo a colaboración coas parroquias e onde se gañen espazos verdes, unha vila pensada para as persoas. A Responsable Local, Míriam Martínez Troncoso, volve facer un chamamento á cordura: “Desde o Bloque pedimos a PSOE e EU-SON reflexionar e retomar a vía do diálogo para garantir un goberno estable que impida a entrada do PP, que paralizaría este avance. As persoas non poden ser obstáculo para o entendemento”.
Insistimos en reclamar a EU-SON que abandone a estratexia de bloqueo na que está instalado como colaborador necesario do PP; non podemos compartir que se vote a todo en contra por sistema. E esixímoslle ao PSOE vontade de negociar cos grupos uns orzamentos que son fundamentais para xestionar mellor o concello. “O contexto de negociación do orzamento é para o Bloque o momento de demostrarlle á veciñanza que existe unha alternativa real de goberno ao PP no Porriño” segundo declara Pedro Pereira, Portavoz do grupo municipal. “É o momento da política de verdade, de aportar en positivo. Precisamos unhas contas que permitan levar a cabo os proxectos que O Porriño precisa. É o noso deber e o que nos demanda a cidadanía”.