O BNG reclama responsabilidade para evitar un goberno do PP
A dirección local do BNG pide ao grupo de EU-SON que se distancie da estratexia do PP e se aveña a favorecer políticas de esquerdas no Porriño. Un PP sen proxecto político que busca nos tribunais e no pleno bloquear o normal funcionamento do Concello en prexuízo do conxunto da veciñanza non pensa no ben común. Temos memoria e sabemos o que Alejandro Lorenzo e o PP representan no Porriño; son a dereita máis clientelar e caciquil e o BNG non vai axudar a fortalecelos con comportamentos irresponsables. A situación xudicial da alcaldesa non poder servir de escusa, xa que en nada mudou respecto a cando EU-SON apoiou a súa investidura, e no caso de abrírselle xuízo oral o BNG pedirá a súa dimisión porque así o facemos sempre e en todo lugar. Temos asinado un pacto de goberno co PSOE e non con Eva García de la Torre.
Desde o BNG instamos tamén ao PSOE a presentar canto antes un borrador de orzamento para ser negociado cos grupos da oposición. A falta de orzamento está a causar un grave problema para o Concello e para o conxunto da veciñanza. É preciso aprobar unhas novas contas públicas, actualizadas, que permitan prestar máis e mellores servizos ou programar novas inversións. O Porriño non se pode ver prexudicado por intereses partidistas ou disputas persoais como estamos a ver na actual corporación municipal. Os grupos políticos, especialmente os que apoiamos a investidura, temos o deber, dentro das nosas lexítimas diferenzas, de sacar adiante os temas de vital importancia para o municipio. Estamos en política para superar diferenzas e sacar adiante proxectos que beneficien as maiorías sociais. A política ten que servir para resolver problemas, non para crealos.