O BNG reclama un proxecto ambicioso para o Campo da Feira

Infografía do campo da feira co tráfico soterrado e o auditorio
Infografía do campo da feira co tráfico soterrado e o auditorio

Propón soterrar o tráfico e construír alí o novo auditorio. Defende tamén crear unha nova zona verde na rúa Pío XII

O BNG reclama un proxecto ambicioso para o Campo da Feira
Plano Pío XII, tramo Manuel Rodríguez e Xogo da Ola. Zonas verdes e en tonos amarelos a nova zona peonil continuidade das existentes
Plano Pío XII, tramo Manuel Rodríguez e Xogo da Ola. Zonas verdes e en tonos amarelos a nova zona peonil continuidade das existentes

O proxecto, no que estaba a traballar Pedro Pereira antes de ser cesado no goberno coa entrada do PP, inclúe soterrar o tráfico rodado nun tramo da rúa Domingo Bueno para gañar máis espazo público en superficie e poder localizar alí un novo auditorio municipal con aparcamento público subterráneo. “Dariamos continuidade á zona peonil en San Bieito e San Sebastián e dotariámonos do tan arelado auditorio. Existe un anteproxecto encargado por min no que se informa que sería tecnicamente posible”, indicou o portavoz do BNG.

Pereira afirma que o orzamento necesario para esta obra non sería desorbitado: “O Concello tería que facer un esforzo económico e contar coa colaboración das distintas administracións. Unha inversión asumible coa que seguir transformando o centro urbano, mellorando a mobilidade e gañando máis espazo público para a xente”.

Desde o Bloque entendemos que unha intervención destas características requiría convocar, dentro das premisas citadas, un concurso de ideas no que profesionais do sector acheguen distintas solucións técnicas para executar o proxecto. “A actuación que Alejandro Lorenzo vén de anunciar para o Campo da Feira da man da Xunta parécenos pouco ambiciosa. Un lavado de cara necesario pero que non dá solución ás necesidades do Porriño do futuro”, declarou Pedro Pereira, quen lamentou o emprego partidista das institucións por parte do PP. “A Xunta lémbrase do Porriño agora que ten un alcalde do seu partido”.

Espazo verde en Pío XII e ampliación das rúas peonís

Entendemos que a remodelación do Campo da Feira tense que complementar gañando arboredo noutro lugar do centro urbano. A nosa proposta contempla unha zona verde situada entre as rúas Antonio Palacios e Pío XII, abrindo unha nova praza pública no corazón do Porriño, na contorna do Centro Social. “Unha actuación necesaria e perfectamente realizable, xa que falamos de rueiro municipal e terreos en gran parte propiedade do Concello, nun lugar contemplado xa como zona verde no PXOM”, sinalou Pereira.

Esta actuación  faría tamén peonís, ademais da propia rúa Pío XII, o tramo da rúa Manuel Rodríguez hoxe aberto ao tráfico e a rúa Xogo da Ola, conectando as dúas zonas peonís hoxe existentes. Habilitaríanse viais para o reparto de mercadorías, servizos de emerxencias e acceso a vivendas das persoas residentes.

O Bloque ten demostrado con feitos que cando existe vontade política as cousas pódense facer. “A peonalización do centro e dos barrios de San Bieito e Aloques son exemplos das políticas transformadoras polas que apostamos cando gobernamos. Temos proxecto para O Porriño e a experiencia necesaria para o levar a cabo”, sinalou o portavoz nacionalista, Pedro Pereira.

 

O BNG reclama un proxecto ambicioso para o Campo da Feira