O BNG reclama protexer os ecosistemas do Louro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL)
O BNG presenta unha moción solicitando o acordo do Pleno para impulsar desde o Concello do Porriño a declaración do río Louro e os seus regos como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). O ámbito que se solicita protexer parte do Paseo do Louro no casco urbano e chega até as Gándaras de Budiño, co fin de crear un corredor ecolóxico de flora e fauna que poña en valor este espazo natural singular. Acadar esta figura que outorga a Xunta de Galicia serviría para protexer no seu conxunto os ecosistemas do Louro ao seu paso polo Porriño, complementando así a protección ambiental coa que contan na actualidade As Gándaras de Budiño, dentro da Rede Natura.
A importancia xeolóxica e ecolóxica do río Louro e os seus regos ao seu paso polo Porriño son elevadas e supoñen un corredor de vida para as especies de vexetación e fauna asociadas que ben merecen un grao de protección como o que lle outorgaría ser declarado como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). O Val da Louriña transcorre por un territorio de solo arxiloso que supón un dos poucos exemplos galegos destas rochas sedimentarias detríticas, e está asentado nunha fractura xeolóxica galega de grande importancia en toda a Península Ibérica, a Depresión Meridiana Galega, orixinada hai 30 millóns de anos. Sobre ela disponse un dos bosques de ribeira máis complexos e extensos do noroeste peninsular, que acadan a máxima expresión nas Ribeiras do Louro e Gándaras de Budiño. O mundo dos anfibios é xeneroso coas tres especies galegas de limpafontes, o sapiño pintoxo, a píntega rabilonga, catalogada ‘vulnerábel’ na listaxe da UICN (Unión de Conservación Internacional da Natureza) e unha das xoias da fauna galega, ou a ra patilonga (ra iberica); estes dous últimos, endemismos galegos. Arredor destes ambientes, desenvólvense as brañas nas que aparecen unha cantidade elevada de libeliñas e cabaliños do demo, algunhas con status especial como acontece coa Donceliña azul, incluída nos Anexos II do Convenio de Berna e da Directiva Hábitats da Unión Europea.
Desde o Bloque defendemos traballar para converter o Louro no pulmón verde que O Porriño precisa. A administración local ten que asumir o compromiso de tomar as medidas que permitan garantir a conservación e rexeneración deste espazo singular, e realizar as actuacións necesarias para preservar esta riqueza natural. Hoxe existen múltiples factores de risco para este ecosistema, como a presión urbanística e industrial, caso da continuidade do matadoiro na súa ubicación actual, ou o Centro de Transportes que Zona Franca proxecta construír en Torneiros; así como a introdución de especies vexetais e animais foráneas, as talas e desbroces agresivos, o emprego de herbicidas, os vertidos incontrolados, unha iluminación agresiva ou o alto volume de ruídos que soporta.