O BNG reclama do goberno municipal un compromiso real coa lingua e cultura galega
Tras a aprobación no pasado pleno dunha moción en apoio á lingua galega, o grupo nacionalista espera que o goberno municipal demostre un interese real pola defensa da lingua e pola súa normalización
O BNG anima a toda a veciñanza da localidade a participar activamente manifestándose pola lingua o vindeiro 17 de maio, porque queremos poder vivir en galego día a día
A corporación municipal aprobou no último pleno unha moción presentada polo BNG en apoio á lingua galega, na que se denuncia o desleixo do goberno da Xunta no que respecta á normalización e defensa da nosa lingua.
No pleno celebrado o pasado luns, o BNG presentou unha moción na que se solicitaba da corporación municipal “Apoiar a manifestación en defensa da lingua convocada para o 17 de maio, con motivo da celebración do Día das Letras galegas, pola plataforma cidadá Queremos Galego”, “instar á Xunta de Galicia a iniciar a tramitación para a derrogación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, e ao cumprimento do disposto no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega” e “instar á Xunta de Galicia a restituír o orzamento recortado durante os últimos 8 anos, incrementando as partidas dirixidas á defensa e promoción da lingua galega”. Agardamos que o goberno municipal cumpra cos acordos aprobados pola corporación municipal e demostre a súa preocupación pola situación da nosa lingua apoiando activamente as mobilizacións e realizando dende o Concello unha política lingüística en prol do galego que sexa real e tanxible, comezando pola creación do Servizo de Normalización Lingüística reclamado tamén polo BNG e aprobado de forma unánime pola corporación no pasado mes de marzo.
Por outra banda, resulta máis necesaria que nunca a mobilización social, pois estamos a comprobar que os únicos avances que logra o galego son promovidos por entidades sociais e pola resposta cidadá ante as múltiples agresións e ataques que sofren os galegofalantes. É por iso que animamos a toda a veciñanza da localidade a participar activamente na manifestación do vindeiro 17 de maio ás 12:00 h. na Alameda de Santiago de Compostela.